Notas de prensa

O festival internacional 'Pint of Science' levará a ciencia a bares de Vigo e Ourense

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.

A cita será os días 13, 14 e 15 de maio e permitirá que o público asistente poida coñecer liñas e proxectos de investigación en áreas moi diversas explicadas polo persoal científico empregando unha linguaxe comprensible e próxima. Nas cidades de Vigo e Ourense participarán un total de 19 investigadores e investigadoras destes campus, xunco con outros expertos doutras universidades e entidades.

Doce charlas en dous bares de Vigo

En Vigo haberá un total de doce charlas sobre seis temáticas diferentes, 11 das cales estarán a cargo de investigadores e investigadores pertencentes a grupos e centros de investigación da Universidade de Vigo como atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), CIM (Centro de Investigación Mariña), CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina), Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Procesos Industriais), Ecobas (Economics and Business Administration for Society), e o VQCC (Vigo Quantum Communication Center). Tamén haberá unha charla dunha investigadora pertencente ao IIM-CSIC (Instituto de Investigacións Mariñas).

Dentro das diversas temáticas, nas charlas trataranse temas de actualidade como o impacto da Intelixencia Artificial na sociedade, a importancia do enfoque circular e sostible nas actividades que afectan á contorna ou a necesidade de cuestionarse a veracidade nas imaxes e vídeos que se comparten nas redes sociais.

As charlas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo, e serán os días 13, 14 e 15 de maio a partir das 20.00 horas no bar Cañaveral, situado na Portal do Sol, 6, e no bar El Castro, na rúa Paseo de Alfonso XII, 2. Ademais de charlas, a programación de Pint of Science Vigo incluirá concursos como o Trivial científico e sorteos con regalos para o público asistente. Toda a información sobre as charlas e as actividades está dispoñible na páxina web do evento.

Sete charlas no bar Torgal e no café-centro cultural El Cercano de Ourense

En Ourense terán lugar un total de sete charlas ao longo de tres días (13, 14 e 15 de maio), nas cales sete investigadores que desenvolven o seu traballo e/ou están vencellados á provincia de Ourense, tocarán unha ampla diversidade de temáticas. Estas abranguerán dende os trastornos alimentarios até a pegada do Homo Erectus organizadas en catro temáticas: Mente marabillosa, A nosa sociedade, Tech me out! (tecnoloxía) e Planeta Terra.

Entre os grupos, institucións e centros de investigación aos que pertencen os e as poñentes, destaca a UVigo a través do GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio), así como a UNIR (Universidade de Logroño) e a Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, o evento contará coa colaboración do Campus Auga e a Facultade de Historia de Ourense.

As charlas serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo os días 13, 14, e 15 a partir das 19.00 h no bar Torgal (rúa Celso Emilio Ferreiro, 20) e no café-centro cultural El Cercano (rúa Cardenal Quevedo, 20). A programación recolle as charlas coma base para promover o intercambio e difusión cultural e científica na sociedade. Neste contexto, ademais das ponencias haberá sorteos con regalos para o público. A información do evento pódese atopar aquí.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-05-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES