O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reivindicou o proxecto Galescola como o buque insignia da revolución tranquila da igualdade e do benestar. No marco das I Xornadas de Formación en 1º Ciclo de Educación Infantil (Galescolas) que estes días reúnen en Santiago a case un cento de profesionais, Quintana destacou o valor educativo dun proxecto que por primeira vez deixa de considerar estes centros para nenos e nenas de 0 a 3 anos como un mero recurso asistencial. O vicepresidente quixo implicar a todo o persoal da Rede Galescola neste “proxecto de país”, un proxecto que considerou “ambicioso e ilusionante”, e falou destas xornadas como “o inicio dunha etapa de traballo coordinado, en equipo e en rede, entre todos os que formamos parte desta empresa colectiva que debe estar á altura do desafío que temos por diante: a educación dos galegos e das galegas do século XXI”.
Na súa intervención, chamou tamén a atención sobre o papel das Galescolas como un instrumento para o equilibrio territorial, que pode contribuír a acabar coas diferenzas entre galegos de primeira e galegos de segunda: “Un instrumento que rompa co círculo vicioso da desestruturación territorial de Galiza, que facía que ao non haber servizos marchara a xente e logo, por non haber xente, non se crearan servizos”. Trátase, dixo, dun “compromiso de país”: “O noso obxectivo é que toda a cidadanía, viva onde viva, teña o mesmo nivel de benestar e o mesmo acceso aos servizos. Con esta finalidade, estamos a utilizar os servizos sociais para facer país, para vertebrar o territorio, empregándoos como un mecanismo de reequilibrio territorial e de cohesión social”.
Para Quintana, as Galescolas son ademais un piar esencial da política social e de apoio ás familias galegas que se fai dende a Vicepresidencia, que se asenta fundamentalmente, máis que nas axudas económicas directas, na construción dunha rede de centros de atención a nenos e nenas de 0-3 anos que cubra o déficit prazas existente e contribúa a conciliar a vida laboral e persoal das galegas e dos galegos.
Proxecto en rede
O vicepresidente aludiu á importancia de dotar dun proxecto común, de contidos comúns e de obxectivos comúns ás Galescolas, para que estas poidan funcionar como unha verdadeira rede e non como elementos illados, como acontecía ata hai ben pouco. Neste senso, Quintana engadiu que o contido común da Rede de Galescola vén dado pola existencia dun programa pedagóxico básico para todo o país. O obxectivo é a formación integral dos nenos e das nenas mediante unha educación de calidade e promovendo tamén a implicación e a participación das familias en todo o proceso formativo.
Quintana falou dunha aprendizaxe que integra a educación en valores, “porque se queremos construír unha sociedade igualitaria e solidaria temos que comezar por inculcar eses valores dende cativos”. Segundo dixo, no proxecto pedagóxico das Galescolas inclúese tamén o principio de igualdade: igualdade entre nenos e nenas, igualdade entre os diferentes tipos de familias, e tamén igualdade entre tódolos galegos e as galegas.
Calidade
O vicepresidente reivindicou a calidade, a identidade e o compromiso de país como os tres alicerces básicos das galescolas. Sobre isto, asegurou que a aposta pola excelencia neste proxecto vén garantida polo Plan de Calidade que foi deseñado para estes centros e que implica investimento superior aos 8,5 millóns de euros. Este plan contempla a mellora do proxecto educativo, a mellora da calidade do servizo de comedor infantil e dos servizos complementarios, a mellora dos recursos para a atención de nenos e nenas con necesidades educativas especiais, así como a ampliación horaria e a mellora das infraestruturas. Así mesmo, destacou a introdución da parella educativa por aula, en lugar de contar cun único docente como é o habitual. Trátase dunha medida inédita no Estado, co que Galiza se sitúa á cabeza na atención de calidade aos menores de 3 anos.
Lingua
Quintana asegurou que a Rede de Galescola “combina o proxecto educativo co proxecto de país” e dixo que as Galescolas contribuirán ao uso normalizado da nosa lingua como parte fundamental da nosa identidade. Neste senso, afirmou que “hoxe en día o problema non o ten quen quere educar aos seus fillos en castelán, que pode facelo sen ningún tipo de complicación, as dificultades téñenas aqueles que queren educar aos seus fillos e fillas en galego, ao non atopar sitios que lles aseguren a aprendizaxe na nosa lingua”.
Sobre isto, chamou a atención sobre o feito de que o Plan de Normalización Lingüística do 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego, puña de manifesto a mínima presenza do galego na educación infantil, e establecía unha serie de medidas para paliar esta situación que nunca chegaron a cumprirse. Fronte a esta realidade, lembrou que este Goberno ven de aprobar o novo Decreto de ensino en lingua galega para garantir a plena competencia lingüística en ambas as dúas linguas oficiais xa dende a educación infantil.
Las cuatro provincias gallegas celebran la festividad de Reyes. Melchor, Gaspar y Baltasar, gracias a su "mágico talento", visitaron simultáneamente los pueblos y las ciudades de A Coruña, Ourense, Lugo y Pontevedra, repartiendo ilusión, caramelos y regalos entre los niños.
Lolita, Pitingo -con su espectáculo Soulería- o Niña Pastori son algunos de los artistas que actuarán este año en A Coruña dentro de la programación cultural que ofertará Caixa Galicia en el Teatro Colón. Esta programación incluirá desde música y danza hasta un ciclo de zarzuelas, teatro, cine infantil y el espectáculo El Libro de la Selva.

