Notas de prensa

o Centro Coreográfico Galego abre unha nova etapa e aposta pola formación

O Centro Coreográfico Galego inicia unha nova etapa apostando por unha distribución continuada e polo apoio á formación. Anúnciase un programa de coproducións 2010, ao que se destina un orzamento total de 40.000 euros. Mercedes Suárez foi presentada como nova directora do CCG.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou a Mercedes Suárez como nova directora do Centro Coreográfico Galego (CCG), entidade que inicia unha nova etapa buscando estender a súa actividade aos diferentes xéneros dentro da danza, así como unha maior proxección exterior do seu traballo e o reforzo do ámbito formativo. Neste acto avanzáronse, asemade, as que serán as principais liñas de traballo da coreógrafa coruñesa á fronte desta unidade integrada na estrutura da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Na súa intervención, o conselleiro destacou especialmente a aposta de Mercedes Suárez no sentido de dotar de maior continuidade ás producións desenvolvidas polo CCG, de xeito que “lonxe de ter unha data de caducidade na súa distribución, as novas creacións pasen a incorporarse a un repertorio propio co que configurar espectáculos polivalentes que poidan ser representados durante todo o ano”. O obxectivo é conseguir unha mellor adecuación das propostas aos diferentes escenarios e públicos ante os que se presente o Centro como vía para garantir unha maior proxección e repercusión do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.

Colaboración co ensino

Tal e como avanzou a directora, a entidade ten previsto realizar dúas producións anuais: a primeira delas, que será estreada no primeiro trimestre de 2011, elixirase entre diferentes propostas coreográficas solicitadas a creadores de recoñecido prestixio, mentres que a segunda desenvolverase no segundo trimestre do ano coa colaboración directa dos conservatorios profesionais e de diferentes escolas de danza de Galicia, como xeito de apoiar a ensinanza e ofrecer novos alicientes tanto ao alumnado como ao profesorado. Neste caso, incorporaranse estudantes ao elenco da peza a través da convocatoria de audicións en diferentes localidades galegas.

Segundo manifestou Roberto Varela, “apoiar o mantemento do rigor artístico e técnico como máxima de todo traballo de creación, investigación e interpretación coreográfica” é o principal obxectivo das distintas iniciativas encamiñadas a reforzar e incentivar a formación no ámbito da danza, entre as que se contempla igualmente a organización de talleres específicos impartidos polos propios profesionais do CCG, a celebración de conferencias e funcións didácticas a través das que se introduza os máis pequenos no mundo da danza e a realización dunha gala protagonizada por bailaríns galegos integrantes de destacadas compañías internacionais.

Ao tempo, o Centro Coreográfico Galego dará continuidade a outras actividades xa iniciadas na etapa anterior como o programa de coproducións e as residencias artísticas, entre outras. Neste apartado, o conselleiro de Cultura anunciou a publicación, a través das páxinas web da Agadic e do CCG, da convocatoria de coproducións 2010, para a que se reserva un orzamento total de 40.000 euros destinado a apoiar entre unha e tres propostas, seleccionadas previa valoración dun comité técnico. Ademais da achega económica, os proxectos elixidos recibirán asistencia artística e técnica a través dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización, entre outros aspectos.

Residencias artísticas

Canto ás residencias artísticas, Varela Fariña adiantou que nestes momentos a dirección do Centro, conxuntamente coa da Agadic, está a estudar unha posible reformulación do seu apoio a artistas en residencia co fin de obter unha “maior repercusión e mellor aproveitamento” desta iniciativa polo conxunto do sector en Galicia. A previsión é que a nova convocatoria poida facerse pública a partir de setembro.

Ademais, o titular de Cultura quixo subliñar a traxectoria de Mercedes Suárez tanto no ámbito da formación e creación, como no da dirección e xestión da súa propia compañía, como o “mellor aval” para o futuro do CCG. De feito, a coreógrafa coruñesa accede ao cargo despois de que o pasado 4 de agosto o Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais resolvera o seu nomeamento á vista da súa “sólida formación e ampla experiencia profesional”. Estes foron os principais criterios tidos en conta para valorar a súa candidatura como a que mellor se adecuaba ao perfil necesario para dirixir o Centro Coreográfico Galego, trala análise do total de 16 propostas admitidas ao proceso de selección.

Nada na Agualada, no concello coruñés de Coristanco, Mercedes Suárez é titulada superior en Danza polo Real Conservatorio de Danza de Madrid, e en Anatomía e Biomecánica aplicada á danza pola Universidade de Alcalá de Henares. Inicia a súa formación artística a partir de 1968 con notables mestres de danza clásica e contemporánea en diferentes países, comezando a súa carreira como bailarina en 1973 no Ballet Clásico de Madrid. En 1981 funda na Coruña a Escola de Danza Druída, mantendo dende entón unha intensa actividade docente.

Na súa faceta de coreógrafa, conta cunha ampla experiencia a nivel nacional e internacional, con numerosos traballos asinados tanto para Druída Danza, compañía que fundou nos anos oitenta, como para outras formacións escénicas, ademais de para diferentes producións musicais e audiovisuais. É, así mesmo, a creadora e directora de Etheria, a viaxe soñada, última produción do Centro Coreográfico Galego estreada o pasado 3 de xullo na Coruña e que nestes momentos se atopa en xira por diferentes escenarios galegos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (vazquez_caballero_38congreso.jpg) El secretario xeral del PSdeG, Pachi Vázquez, ha mostrado su "satisfacción" por la victoria de Alfredo Pérez Rubalcaba, que este sábado ha sido elegido nuevo secretario general del PSOE, y ha afirmado: "Yo siempre dije que apostaba por él". Pachi Vázquez aboga por "pasar página" porque los enfrentamientos son "propios" del congreso pero ahora hay que "integrar, unir y ser fuertes".
Foto de la tercera plana (feria_cocido_lalin_2012_2.jpg) La Ciudad de la Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acogió la presentación de la XLIV Feria del Cocido de Lalín (Pontevedra), calificada como "un dos acontecementos gastronómicos máis senlleiros" por el conselleiro de Cultura e Educación. El 12 de febrero se celebra esta feria declarada de Interés Turístico.

Notas

Inaugúrase a 13ª edición do salón Xantar que se consolida como a gran cita gastronómica de España e de Portugal. Expourense acolle o escaparate dos produtos do mar e do agro.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta esta situación de Localia A Coruña e lembra que a empresa UTEGA xa cesou tamén as emisións en Pontevedra e está a recortar o cadro de persoal en Vigo. A empresa notificou aos traballadores que en 15 ou 20 días deixa de emitir.
ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

AGENDA
Agenda de Galicia Digital
BUSCADOR


Editorial

Terra de promisión: Durante moito tempo, Galicia tivo como terras de promisión terras de alén d...
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.

PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICACIONES
Publicaciones
Ranking Alexa
Revista Egap
Obradoiro de Artesania