A Cidade da Cultura reúne representantes dunha vintena de linguas minoritarias para traballar na promoción da diversidade lingüística en Europa
A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Para rematar o día, as persoas asistentes trasladaranse ata o centro da cidade, onde poderán desfrutar dun roteiro polos lugares máis emblemáticos desta que concluirá cunha visita ao Concello de Santiago.
As tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico
Xa mañá terá lugar a conferencia anual da NPLD titulada O Impacto das tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico. O relatorio principal versará sobre o Proxecto Nós, que impulsa a Xunta de Galicia e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno a lingua galega no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estará a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rei, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.
O broche de ouro a estes dous días de convivencia porao unha visita cultural por Padrón, que inclúe as Fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro, e Cambados.
Promoción da diversidade lingüística
A NPLD é unha organización de ámbito europeo que nace no 2008 para impulsar a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os seus socios, favorecer a promoción da diversidade lingüística na Unión Europea e servir de grupo de presión en materia de política lingüística nas institucións europeas.
Na actualidade está composta por 39 membros entre os que se inclúen institucións académicas, organismos gobernamentais e colectivos sociais dedicados á promoción social, o estudo e o ensino de linguas minoritarias de Europa.
R., 2024-04-25
Actualidad
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.
Notas
A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.
Do 6 ao 10 de maio o campus de Ourense acolle a celebración do 12 Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024). Nel participan de xeito presencial ou virtual 77 especialista de 21 países e procedentes de 51 institucións, entre elas a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.