Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Castelao e a diversidade

miércoles, 12 de febrero de 2014
Cando un empeza a posuír libros propios dáse conta de que entre as súas posesións hai dous tipos: os libros de biblioteca, colocados en estantes e os libros de mesiña de noite, que se acumulan nun caixón ao que se recorre nas horas de insomnio. Xeralmente, son libros lidos e relidos que en troques necesitamos abrir de cando en vez para lembrar feitos e personaxes. Un destes libros é, para min, a obra completa de Castelao que xa hai ben anos editou Akal.

Relendo a Castelao, doume conta de que foi un gran defensor non só da cultura galega, senón tamén da diversidade, da diversidade humana que convive na nosa sociedade e que as veces nos pasa desapercibida. A diversidade queda perfectamente retratada en dúas obras do autor: “Cousas” (1922 e 1929) e “Os dous de sempre” (1934).

En “Cousas” Castelao relata en debuxos e en palabras a persoas do seu entorno que dun ou doutro xeito viven unha vida peculiar e mesmo á marxe das xentes que as rodean. Pero, lonxe de xulgalas, Castelao adoita un papel de cronista que inmortaliza a vida desas persoas, quizais excepcionais. Así atopamos á Marquesiña triste e depelicando patacas de pobreza. Andando o libro tamén atopamos o Rifante, home honrado que dá todo pola familia ou unha vella namorada que cun “deica logo Eleuterio” despide ao home da súa vida xa finando. “Cousas” recolle a diversidade que nos anos primeiros anos do século vinte convivía na sociedade galega e facíao dun xeito natural, aínda cando as veces era marxinal (como pode ser o caso da Marquesiña) non había ningún problema en respectar ou a lo menos non entrar en conflito con esa diversidade.

En “Os dous de sempre” Castelao relata unha historia de superación persoal que leva a Rañolas, eivado das pernas a erguerse da miseria ata converterse en dono da súa propia vida.

Lendo a Castelao, un decátase de que a nosa sociedade sempre foi diversa e iso que tratan de estandarizar queda moi lonxe da realidade. É absurdo homoxeneizar castrando a diferenza porque a diferenza acaba aflorando e resistindo calquera opresión. A historia demostra que a minoría resiste aínda nas peores circunstancias e demostra, ademais, que sempre hai corazóns sensibles que se acercan á diferenza con cariño e respecto para beber dela.

Se estamos falando de Castelao é por unha cousa moi sinxela: Castelao pon en evidencia que a diversidade ven da propia historia, da propia sociedade, non é un invento do noso tempo nin do pasado, é unha realidade que nos transcende e a que podemos responder co diálogo, o achegamento e a convivencia ou coa ignorancia de quen se cree superior e non quere ver máis alá do que el coida que é.

O dito anteriormente, pode ser unha opción persoal. Eu quedo con Castelao que me ensina o valor da diferenza e me dá a oportunidade de converter o seu gran legado literario nun material educativo que axude a unha mentalidade dialóxica, democrática e, sobre todo, aberta a vivir novas experiencias da man daqueles que traen nos ollos mundos e costumes que vale a pena coñecer.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES