Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O idioma dos vellos

lunes, 29 de diciembre de 2014
Parece que o idioma galego é cousa de vellos, e foino sempre. Nos meus tempos mozos, na miña Vilalba, os maiores falaban galego e nós, os rapaces, falabamos castelán. Agora, de novo parece ser cousa de vellos, xa que as enquisas evidencian que os rapaces rexeitan o noso idioma.

Sempre hai algunha razón para cuestións coma esta, e resultaba que segundo a consideración das xentes, naquel tempo xa lonxano, o galego era o idioma dos humildes, dos labregos, das clases máis sinxelas, mentras que o castelán era o xeito de expresarse os acomodados, gobernantes, cregos, profesores, avogados… toda a xente que servía de modelo para os nosos pais.

Diante desto, é lóxico que procurasen que nós falasemos en castelán, para integrarnos na clase dirixente, para elevarnos de categoría e xa que o galego era a característica dos humildes e o castelán signo de distinción dos máis beneficiados pola fortuna, entendían que o idioma era o pasaporte para o novo mundo no que deberíamos integrarnos.

Desde aquela choveu o que choveu, dignificouse o idioma, non nos integramos nas clases dirixentes, seguimos falando en galego, e parece como se o galego envellecese connosco.

Ensínase o idioma nas escolas, temos un “Día das letras”, o galego é o idioma da cultura… e sen embargo seguimos a practicar esa extraña dualidade da lengua bífida.

E as enquisas, suponse que moi serias, do Instituto Galego de Estatística, din que os rapaces non falan galego, que segue a ser cousa de vellos.

E pode ser cousa cíclica, pero parece como se o último medio século non valese de moito para integrar aos rapaces no idioma, que agora si que o coñecen,pero non teñen a tentación, que nós tivemos, de asomarse a un idioma fermoso e útil que a nós nos pareceu apaixoante, desvalido e arredado.

É como se todas as campañas non tiñesen valido, e o ensino do galego fose contraproducente. Parece como se o que houbese que facer fose prohibilo, como se se tratase dunha droga. Entón, convertiríase en atractivo, e non habería quen arredase aos rapaces do noso idioma de raíz.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES