Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A medicina en Lugo

miércoles, 07 de enero de 2015
Na mellor e máis clara tradición dos médicos escritores, temos en Lugo un -médico exemplar- que conxuga veteranía, lucidez e afabilidade a partes iguais, que ven de publicar unha segunda edición da súa xa imprescindible HISTORIA DE LA MEDICINA DE LUGO Y SU PROVINCIA.
A medicina en Lugo
A veteranía do autor -Fernando Pardo Gómez- está acreditada polos seus dinámicos 92 anos, a lucidez polos seus escritos e as súas palabras, e afabilidade polo seu trato, que exercita a diario polas rúas lucenses.

O subtítulo do libro -“De los conventos a la resonancia magnética”- invítanos a adentrarnos nun mundo descoñecido do que perdemos memoria, xa que dos avances, como é o caso da medicina, quedámonos co máis recente esquecendo situacións anteriores, non tan lonxanas se temos en conta que hai corenta ou cincuenta anos a inmensa maioría da poboación da provincia non tiña asistencia sanitaria institucionalizada.

Todos –os que temos idade abonda- lembramos aqueles médicos familiares, que nos atendían na súa casa ou na nosa a calquera hora do día ou da noite, os que nas aldeas se ían chamar nos casos máis graves para que acudisen a pé ou nunha besta, nas peores condicións –de distancia ou climáticas- que nos fan lembrar os relatos dos pioneiros da conquista americana ou as narracións dun Jack London.

Xa que parte dos conventos, recoñezamos xunto co Dr. Pardo Gómez o esencial labor da Igrexa Católica na atención de enfermos, peregrinos ou residentes, nun tempo no que ningunha outra axuda tiñan os desfavorecidos, que non queda tan lonxe de nós, que a fin de contas a provincia de Lugo non tivo un hospital público ata 1930, no que se pon en marcha o Hospital Provincial.

Percorremos co autor o longo camiño que vai entre os tempos escuros nos que a Igrexa abandeiraba iniciativas sanitarias e as relixiosas coidaban os enfermos, ata o momento actual no que cunha asistencia universalizada corremos o risco de pensar que sempre foi así e esquecer as individualidades que a foron facendo posible e o esforzo das institucións que foron conseguindo unha situación –sempre mellorable- que a todos satisface.

Ten o acerto o historiador médico Pardo Gómez de introducir no libro reseña vital de médicos históricos da provincia de Lugo, que foron os nosos amigos, taumaturgos do coñecemento e da palabra, que quedan na nosa memoria en lugares tan honrosos como membros benqueridos da nosa familia.

E se alguén considera que unha historia da medicina na provincia e capital lucense é un tratado para entendidos na materia, eu recoméndolle a súa lectura responsada, na seguridade de que aínda que o seu nome non apareza alí, encontrará a súa terra, encontrará a súa xente e, se se fixa ben, nalgún recanto do libro atoparase a si mesmo.

Noraboa, Dr. Pardo Gómez, e por moitos anos!. Polo ben de todos, que da gusto velo e falarlle. E escoitalo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES