Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Valdi, a forma das palabras

miércoles, 21 de diciembre de 2016
Xosé Val Díaz, o gran Valdi, fillo do pobo resistente e revolucionario de Montecubeiro en Castroverde, ven de recibir o merecido título de Chairego de honra. Falamos dun home solidario e totalmente desinteresado que, entre outras cousas, se converteu no gran impulsor, xunto con Xermolos, do Paseo dos Soños en Vilalba, onde cada ano o hectómetro literario homenaxea a un escritor. Valdi sabe mellor que ninguén recoller as esencias de cada literato para plasmalas nunha simbólica escultura que sempre leva a impronta identitaria do afortunado propietario do hectómetro.

Falamos dun home solidario e comprometido co país e coa cultura pero, tamén, dun home profundamente aberto á diversidade, o que o fai imprescindible en moitos ámbitos. Valdi materializa versos coa forza de quen labra a pedra ou dá forma ao ferro. As mans traballadoras saben como darlle forma á sensibilidade para agromar versos como árbores perennes cara ao porvir.

O sábado Valdi tivo a honra de ser Chairego e a Chaira gozou do privilexio de adoptar a un fillo de conciencia rexa e man firme dos que sabe a ciencia certa que é imposible a traizón. Valdi é o amigo imprescindible, o que sabes que xamais te vai deixar vendido no campo de batalla e o que te vai complementar en todo momento para non calar nunca e erguer voz unísona contra a inxustiza e a barbarie.

Un home cheo de sabedoría que nos ensina a doar aos demais o mellor de nós mesmos e a compartir coa tribu cada idea para medrar en irmandade. Un ser único que berra en colectivo e é capaz de darlle a cada palabra a forma da cultura erguéndoa da nosa realidade cunha única idea: Galicia.

Un verdadeiro home de pobo que soña amenceres, materialízaos en pedra ou ferro e camiña con nós, día a día, cara ao gran amencer da liberdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES