Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Xiao de Roca e o Camiño de Santiago

viernes, 31 de marzo de 2017
Hai tempo escribín un artigo dicindo que a igrexa e a parroquia de San Xiao de Roca, Guitiriz, Lugo, estaba no Camiño de Santiago.
Non. Non me pegaron. Pero o trato foi coma se eu fose un soñador iluminado ou un fantasioso de lendas orientais.

Agora, novamente,volven a interrogarme e non sei ben o por que. Pero nótase que a idea anda dando voltas. Por iso é necesario aclarar conceptos que expliquen plausibelmente certos indicios.

Antes de nada cómpre ter en conta que os peregrinos eran principalmente persoas individuais. Salvo que nalgunha circunstancia moi extraordinaria se organizasen grupos con traxectorias curtas e de pouco tempo. Esa imaxe de grupos en moreas e organizados en orixe que vemos hoxe a pé polas estradas non ten nada de parecido coa realidade de antano. A forma de vida e traballo non permitía grandes dispendios. España era pobre. Nin había tempo libre para iso. O traballo era moito, todos os brazos eran necesarios, desde os máis picariños ata os anciáns. Cada un facía aquilo que podía.A vida media era moi curta e non había un mínimo de cartos para botárense ao mundo en grupos. A saúde tampouco axudaba.E o camiño tiña características de aventura e non estaba libre de riscos e perigos.

Isto non quer dicir que logo, xa no camiño, nos encontros entre eles, non se agrupasen segundo se ían coñecendo.

Cantos son os camiños de Santiago? Na medida en que van confluíndo cara ao final diremos que case todos son e serven como camiños de Compostela. Por iso, entre nós, son numerosasas parroquias do camiño en teren a Santiago como padroeiro. Ou tamén a aqueles santos hospedeiros dos camiños ou avegosos da fala, da vista, dos entangarañados, etc: San Xiao, San Xulián, San Roque, San Cristovo, etc.

E multiplícanse os santuarios da Virxe. Os máis nomeados de aquí entre nós:Sant’Alberte e a Nª Sª da PASTORIZA, á quen acertadamente cantou en Nimbos o noso poeta vilarego Xosé Díaz Castro no poema Penélope: “O Tempo vai de Parga á Pastoriza”. E o río, a vía do tren e a Nacional VI, antes camiño real principal, tamén indican e determinan ese camiño. Aquí peregrinou e poetizou Manuel María. E aquí se celebrou o 11 de Setembro de 1982 a V Romaxe de Crentes Galegos de Irimia co lema: "A fala é camiño".

Para a xente de aquí os romeiros sempre nos foron moi familiares e conservouse a idea e costume de dar pousada aos peregrinos. Esa era unha das obras de misericordia do noso antigo catecismo de Astete. Na nosa infancia e nas nosas casas tiñamos moitos días no ano algunha persoa engadida á familia para a cea e a durmida. Despois da guerra incivil houbo moitos loucos que se botaron ao mundo sen rumbo polas estradas de España. Nós acolliamos tamén a cotío a eses pobres tolos e “atorrantes”, ata que foron morrendo.

Moi poucos pasaron dos anos cincuenta. Eu recórdoos ben. Teño falado con moitos polas contornas de Fontrexe e Suscoutados na decena dos corenta. Eran alcumados polo réxime coma os chupa sangue. Así, ao meterlle medo á xente, xa non os acollían e desaparecían máis axiña da vía pública e invisibilizábaselles mellor. Podían acusalos de delincuencia e ían para a cadea ou para os manicomios e alí morrían de miseria. E na prensa estranxeira xa non falaban deles. “Morto o can xa non hai rabia”.

En San Xulián ou San Xiao Roca podemos falar de dous camiños de Santiago como máis principais,con continuas bifurcacións.

1º. O que viña e vén desde a Terra Chá e de Lugo. Pasaba por Baamonde e Sant’Alberte. Aquí saía unha deriva cara a San Breixo e logo a Sobrado ou As Cruces. Outra variante desde o Sant’Alberte, máis chá, era recruzar a ponte para seguir o Camiño Real cara a Roca de Baixo ata Cas Gabín no que aínda hoxe é antiga Nacional VI. Nesa casa houbo de sempre un mesón-pousada de acollida a peregrinos. De aí o topónimo actual Portodola. (Porto da Ola).Onde repostas xa as forzas con descanso e cun bo caldiño quente “da ola”, uns atravesaban o río Roca polos pasos de Gabín en As Xuntas e máis adiante, no Pitero, cruzaban o río Parga para ir á Póboa de Parga e Sobrado. Outros ían ata a Ponte de Roca, subían por riba e por detrás da Casilla dos Peóns Camiñeiros, (os da Lema), A Andoriña e ían cruzar o río Parga polos pasos de“ A Parita”, en Prado de Abaixo.

Outros, aínda, desde Portodola seguían por Prado de Riba cara ao Río Pequeno. Logo xa a Parga e Sobrado.

2º. Os que viñan de Vilalba e do Camiño Norde. Ao chegaren a San Xoán de Alba e Samertolomeu de Insua non precisaban ir a Baamonde dando unha volta moi grande. A tendencia natural era coller o camiño máis recto, máis chao, menos perigoso e máis acaído para andar. Cruzaban o río Ladra na Ponte de Sá e por terras do que hoxe é Suexo,(unha parte antes era de Pígara), collían polas Pallotas, San Cristovo, a Cruz dos Campos e cara aos Penedos, onde hoxe está o Campamento Militar ou máis aproximados ao Penedo do Castelo.

O monte, que era raso e dedicado a cultivo ou a pasto, estaba totalmente cruzado de camiños e carreiros en todas as direccións con vieiros para o gando miúdo, a labranza das rozas e a comunicación entre veciños. Eu recordo varias desas vereas.Cantas veces me teño achegado desde o Castro de Santa Cruz á famosa Fonte dos Cristais. Alí fun buscar drusas de cuarzo para o gabinete de física do Seminario de Mondoñedo por encargo do profesor desa disciplina académica ao ter eu falado diso nunha aula. Hoxe é imposíbel chegar alí por intransitábel e non ser localizábel. Non hai camiños.Todo está cuberto de piñeiros e grandes toxais.Por iso este relato pode parecer de ficción.

Ao sobordar os Penedos polos pasadizos, que eran moitos,a vista panorámica de toda a redonda era grandiosa, ampla e moi bela. Caendo para Santa Cruz, Altamira ou As Lamas xa se vía a igrexa de San Xiao de Roca camiño obrigado para o Alto de Roca para achegárense ao Satuario de Sant’Alberte e da Nª Sª da Pastoriza, pois tiñan grandísima sona de seren moi avegosos da fala e outras virtudes. Outros xa baixaban para atravesaren o río Roca polos camiños antes descritos.

Desde a igrexa de Roca algúns tamén collían cara ao Muíño de Don Lino, hoxe coñecido polo Muíño de Chispa, onde había unha ponte de madeira para pasar sobordando o río pola Trabanca. Trabanco di o dicionario que é un toro de madeira de gran tamaño. Era frecuente esta forma elemental de pasadizo a pé para aforrar a perda de tempo que supuña dar unha volta importante. Un ameneiro ou carballo que medraban na mesma ribeira púñanse atravesados nas gorxas dos ríos, principalmente onde o río era fondo e estreito, o que coñecemos como barrancos ou rápidos. Dábanlles certa protección lateral a xeito de pasamán ou cordas de seguridade. Eran perigosos. Moito máis cando estaban mollados e non digamos se había xeada.

Ata os anos sesenta, antes da emigración masiva, do desenvolvemento industrial e de popularizárense os coches, eran moi comúns estes pasadizos de peóns.

Aínda eramos agrarios. Eu recordo moitos deses trabancos en diversos sitios de Roca e Santa Cruz. O topónimo“Trabanca” dese sitio virá daqueles antigos trabancos? Que falen os filólogos.

Outra consideración a ter en conta. Por estas paraxes os romeiros non creaban os camiños. Nin precisaban facelo. Buscaban e utilizaban os camiños xa existentes, os mellores, os máis cómodos e máis curtos dentro dos seus intereses diversos: relixiosos, económicos, paisaxísticos, etnográficos,etc. E para iso informábanse e preguntaban unha e mil veces cal lles conviña mellor en cada caso. Estes camiños xa estaban creados de sempre pola veciñanza. Por iso hai tantos camiños de Santiago como romeiros.

Quero sinalar e remarcar uns datos moi concretos e interesantes desta zona da que se fala que certamente poden axudar a documentar e confirmar esta análise que veño facendo e que seguramente hoxe se lle escapa a quen veña de fóra.

As feiras de Parga. Despois da de Vilalba é unha das máis importantes economicamente e das máis sonadas. A xente ía alí cada quince días para amañaren vida. Ían con toda crase de animais, a pé e con carros. Eses camiños viñan de sempre desde a Ponte de Sá, pasaban por Suexo, os Penedos, Santa Cruz, Roca, Trasparga e Parga. En Santa Cruz tamén había feira o 23.

Pígara e unha parte de Suexo pertencen ata os anos coarenta ao concello de Trasparga e agora a Guitiriz. A relación administrativa era cotiá nesa dirección con ida e retorno. Era todo a pé ou a cabalo. Eran os veciños os que marcaban e facían eses mesmos camiños que logo eran os romeiros que ían por onde ía a xente a cotío. Non tiña sentido ir dar un arrodeo grande ata Baamonde sen outro motivo. Abonda con ollar un mapa.

Eses eran os camiños para os enterros e as festas entre estas parroquias colindantes. Tamén para “iren ás mozas” e de feito entre esas aldeas había moitos matrimonios e conseguintemente parentelas. Iso leva ter camiños en bo uso.

A xente traballaba os montes, as rozas e o pastoreo principalmente do gando vacún e lanar. Acudían con carros para as colleitas e estrumes polos camiños máis variados nas dúas abas do monte, o nacente e o solpor.

Tamén cómpre ter en conta a hidro-orografía. Os ríos e o monte configuran o terreo e sempre condicionan a vida. Aquí os ríos todos veñen e decorren do norde cara ao sur ata desembocaren no Parga que camiñando desde a Cova da Serpe vai transversalmente polo sur desta zona cara ao Miño.

Os que configuran e estruturan xeograficamente esta zona do estudo son dous ríos:

O Ladra, que o deixamos xa ao cruzalo na Ponte de Sá, entre San Bartolomeu de Insua e Pígara, na bacía cara a Begonte.

O Roca, que vén desde a Serra da Loba en Labrada, Buriz, Requeixo, Samesode, Bueiro, Roca e verte no Parga en As Xuntas, cabo de Cas Gabín, en Portodola.

Entre estas dúas concas hidrográficas, nesa mesma dirección, norde-sur, está a
pequena corda dos Penedos de Santa Cruz.

Os camiños han cruzar necesariamente tranversalmente ese monte e logo buscar os portos ou pasadizos naturais ou artificiais dos ríos por os lugares axeitados e xa indicados. O río Roca vai ben fondo, ten un ancho xa de consideración e fóra do verán vai moi cheo.Non se pasa a pé por calquera lado. Non é un regato. É un río. E ten uns lugares moi concretos de cruzamento, que non son moitos. Eses si que marcan e condicionan as direccións dos camiños.

Conclusión: O Camiño de Santiago nas diversas variantes locais dos camiños desta zona que nos ocupa pasaban necesariamente por Roca.

Hoxe a visión dos camiños faise pensando no coche. Son os únicos camiños que hai e que transitamos. Quen agora queira buscar a ollo aqueles camiños non atopa nin o rastro. Nin o trabanco. Todo desapareceu polo arboredo, polo desuso, por os coches, por que xa non se vive do gando en liberdade nin daquel tipo de cultivos agrarios. E a devoción aos santos mudou absolutamente.Todo é, vai e está distinto. Só fica no recordo de nós os mais vellos. Os outros foron desaparecendo todos baixo as árbores, as uceiras e toxizas que fan irreal toda suposición fronte a aquela realidade na que aínda temos vivido os da vida rural antiga.

As testemuñas directas tamén xa estamos a desaparecer e ben axiña. Eu son unha delas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES