Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tómame a min coa miña historia, Señor

martes, 27 de febrero de 2018
Querido Álvaro Rábade Romeo:
Non máis saber do teu pasamento quíxenche expresar o meu afecto e gratitude persoal. E quero aínda achegarme outra volta a ti para falarche desde o fondo da miña alma porque o esencial é invisíbel e só se ve desde o corazón.

O día dezanove, segunda feira, despediámonos na capela grande do noso Seminario de Mondoñedo. Vouche confesar que desde a mañanciña tiña comigo unha carga emotiva moi fonda, porque había máis.Polo serán tería de oficiar en Loiba a despedida de José Antonio Dopico Piñeiro, meu condiscípulo, co que me sentín moi unido desde o inicio por algo especial que nos unía: os dous eramos orfos de nai, desde moi picariños. E o que significa iso só o sabemos os orfos de nai. Os demais ollan desde fóra ou compadécennos.

Pedíronme que proclamara o Evanxeo, disque por termos sido “parochiviciniores”. Está ben. O funeral foi exquisitamente polo libro. Nada que obxectar. Para min non o quero así. Pero eu hoxe estou a falar contigo de min e de ti. Estiven toda a misa cos ollos pechados e disimulando o secado das bágoas.

A capela, a dos domingos, a da nosa formación por longos anos. A das órdenes sucesivas dos que iades diante. E pouco a pouco, “os traballos e os días” foron achegándonos á nosa xeira.

Emocionados viamos como iades saíndo con ilusións para as parroquias cun afán inmenso de arranxar mundo. Aquel mundo tan noso: rural, mariñeiro, obreiro, urbano, vilego, etc.

Sabiamos ben que a evanxelización pasaba tamén por escolas, estradas de terra, luz eléctrica, vida, morte, desgrazas, festas, romarías, vida familiar, servizo militar, feiras, etc. Fomos formados para que nos doera profundamente ese mundo que era o noso. Por veces deformados. Prohibíannos falarmos na nosa propia lingua.

Tamén todos nós estivemos chamados ás misións, aínda que logo ao final non sempre nos deixaran cumprir esa chamada. Aquí tamén había moita “misión de Deus”: Pobreza, miseria da posguerra, fame, emigracións, etc.

A “vida espiritual” era intensa. Un pouco subida nas nubes e distante da realidade que se vivía en propia carne. Pero coa chegada do Concilio Vaticano II a cousa cambiou e xa brillou máis a esperanza. Foi un esforzo enorme por reciclarnos a toda marcha cos poucos materiais que ían saíndo. Todo era moi
precario.

Biblia, catequese, liturxia, doutrina social da igrexa, pastorais, movementos especializados de AC, Cursiños de Cristiandade, etc. Foi un traballo persoal e diocesano verdadeiramente exemplar. Tamén estudos civís para mellor responder a un mellor servizo parroquial.

Estoute a ver en Vilapedre, Naraío, Igrexafeita, A Cabana, Doniños, e en tantas outras tarefas nas que entregaches alma vida e corazón. Loado sexa Deus en ti, compañeiro.

Pero o que xa me puido totalmente foi verte saír paseniño polo corredor central naquela plataforma ata a porta grande.Tiven de pórme cara á parede. Foi a primeira vez que da “nosa casa” vin saír a un de nós cara ao alén. Sempre saímos cheos de xuventude para anunciar o Reino de Deus. Non o puiden remediar, meu Álvaro.

Un compañeiro perguntoume: Que che pasa? Estou emocionado, dixen. Queriamonos.

Ai!, Álvaro, a nosa vida, por sorte non colle nun nicho. Reza por min, por nós, pola diocese, pola nosa Galiza. España e o mundo forman parte de nós. E os refuxiados e todas as pobrezas, incluídos os cárceres, as mulleres, os orfos, as vítimas, os abusados e abusadores, etc. Veña para nós o teu Reino!

Houbo unha cousa, para rematar menos transcendente, que me fixo graza de ti. O teu correo electrónico: “alvaroraro”. A verdade é que sempre fuches moi profético. Porque a nosa vida certamente e rara, rara. Pero é a nosa. Se conservas o enderezo mandareiche artigos desde aquí. Terás de lélos, Non si?
Entendes agora: Tómame a min coa miña historia, Señor?

Graciñas, amigo Álvaro. Eu tardo catro kilómetros. Deixate ver cando chegue.

Bicos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES