Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gozar do Outono

miércoles, 31 de octubre de 2007
Nestes días, o concello de Guitiriz, organizou unha exposición sobre a vida e a obra do poeta Xosé María Díaz Castro, e acariciando as follas manuscritas, tramadas coa cor amarela ou loura do paso do tempo, celebrei coas veciñas e veciños, a súa querencia por este momento: “Canto ao outono”. En Nimbos dedica poemas ás outras estacións, pero aboia a súa inspiración na maxia deste tempo dourado, “como o Outono se senta na mazá”. Tamén era o leito de inspiración que máis acaía a Manuel María, nos solpores que máis versos debullou... con esa madureza e serenidade que enxerga o seu clima.

Asemellaba que ás veces contaba os poemarios por outonos ben granados. Facer o outono é tempo de sucar, e para algúns escritores da Chaira, o arado é coma a inspiración que vai abrindo espazos de creación, de sementeira, en terreos ásperos e sen cultivar. Varios vivían as San Lucas de Mondoñedo con máis unción, nos seus tempos de seminario, porque celebraban a súa cultura labrega: “Pola San Lucas, apreta o boi a sucas”, afina un refrán. Alí, o poeta de Guitiriz, xa estaba soñando coa súa “Penélope”, unha das definicións de Galiza máis comentada: “Desorballando os prados coma sono,/ o Tempo vai de Parga a Pastoriza./ Vaise enterrando, suco a suco, o Outono./ ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!”.

Cómpre deixarse levar por esta regalía de tonos vermellos, castaños, pardos..., porque como case todo o que paga a pena, é cada xeira máis breve, un salouco, pola desfeita que os humanos estamos a provocar no santuario da Terra. Xa non é a luzada do verán, a luz vai entregándose melosa, en nimias racións, como facéndose querer, provocando a nosa imaxinación, para multiplicala, coma o poeta, dende o rescaldo máis íntimo do seu lar. Unha natureza que vai vestíndose con ornamentos de distintas cores, segundo o tempo litúrxico que regulariza a sucesión dos meses, e conforme ao simbolismo das chamadas festas estacionais. A outonía é moito máis ca caída da folla, disfrútana as árbores que saben que non hai primavera, sen outono, que xa non van ser as mesmas, cando volvan a abrollar con novas follas. As que van brindar ao vento e ás nosas olladas, unha imaxe diferente e irrepetíbel. Esa parte fundamental do seu corpo e da nosa existencia, pois grazas a elas podemos respirar.

E gozan as aves que emigran, escollendo a Terra Chá neste momento, para acougar e deleitarse, no seu paso, dende o frío ata rexións máis quentes, sentindo na súa pel e corazón, a tenrura das lagoas, os ríos silandeiros, a nosa xente.

O outono condimenta unha das épocas gastronómicas máis pródiga en sabores e aromas, non só froitas secas, tamén cogomelos, a matanza ou os viños novos, o salazón e as conservas, os doces de cabazas ou os marmelos, a sidra e algunhas verduras, totalmente necesarias, para manter a cadea da vida. Non é un tránsito, é unha fervenza de emocións e saudade, dende os magostos de Santos ata o San Martiño.

Mesmo as follas estradas ao redor das árbores, acubillan un universo de vida, que grazas ao lentor que conservan, axudan a subsistir a moitas criaturas, e ás raíces das mesmas plantas, vigorizando a natureza con novo zume. O proceso do ecosistema do que formamos parte, convida a respectar este clímax, antes do letargo do inverno.

Temos que armarnos de respecto nas nosas incursións outonais por esta paisaxe: caza, recolleita de cogomelos, castañas, etc., conservando este silenzo creador e rexenerador, para non ser sacrílegos nin maldicentes na nosa convivencia cotiá.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


Editorial

Algo falla en Internet: En Galicia algo falla cando en Internet retrocedemos en lugar de avanzar. ...
BUSCADOR


AGENDA
Agenda de Galicia Digital
PUBLICIDAD
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoción Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones
Publicaciones
Ranking Alexa
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información