Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Personaxes medievais (I)

viernes, 28 de marzo de 2008
Personaxes Medievais das Terras de Pallares (I)

O CONDE ERO FERNÁNDEZ

No Arquivo Histórico Nacional áchase un diploma do século XIII no que se establece unha relación dos descendentes do fundador do Mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello lugués de Guntín (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1096/21). Nel, sinálase que foi herdade e casa onde habitou o conde Ero, quen sería o seu fundador na segunda metade do século IX.

As noticias que posuímos deste benfeitor son escasas, aínda que si cremos ter referencias del nun diploma de 7 de xuño de 910 no que os condes do territorio lucense se dirixen a Ordoño II, rei de Galicia e, con posterioridade, tamén de León. O seu contido, como afirma o investigador García Conde, non só trata a reconstrución da cidade de Lugo, senón tamén o recoñecemento de Ordoño II polos condes que subscriben e a determinación dos tributos que debían pagarlle. Un dos 22 condes que asinan o documento é Ero Fernández: “Erus ferdinandi hoc meum placitum” (GARCÍA CONDE, A.: “Laborare de Luco”, en Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo, vol. IV, nº 33, páxs. 13-17).

Don Ero contraeu matrimonio dúas veces. Primeiramente, casou con dona Adosinda, da que non posuímos datos, sendo proxenitores de Aldara Eiriz, desposada con Guterre Menéndez, e pais de San Rosendo. Do segundo matrimonio, con dona Elvira, descenden Gudesteo, casado con Gugina e a quen diversos historiadores consideran a ela como filla, Diego, morto prematuramente, e, con moita fiabilidade, Goto e Tareixa, casada esta con Gonzalo Betótez, conde do Deza.

Da documentación de Ferreira dedúcese que se retirou ao cenobio na súa vellez, quizás tomando os hábitos de monxe -aínda que seguira conservando o título nobiliario, pois era frecuente que os membros da familia fundadora ingresasen nos cenobios nos derradeiros anos da súa vida-, dotándoo cos seus herdos e coa metade dos bens gananciais adquiridos con Elvira, xa que esta, en 898, realiza unha primeira doazón ao cenobio na que se inclúe a outra metade (AHN, Clero, Lugo, Samos, 1239/2).

A súa creación debe enmarcarse dentro da tradición familiar imperante na época altomedieval. Os señores feudais buscan a salvación eterna da súa alma e a dos seus familiares, presentes e futuros, para o que fundan pequenos cenobios dentro das súas propiedades, coa finalidade de poder pasar alí os seus últimos días de vida terreal, arrepentíndose dos seus pecados e onde, ademais, poidan ser soterrados.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


Editorial

Axudas para superar a crise : Todos agardan axudas, porque todos as necesitan. Nesta crise que...
BUSCADOR


AGENDA
Agenda de Galicia Digital
PUBLICIDAD
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoción Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones
Publicaciones
Ranking Alexa
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información