Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O medo, os medos, a soidade e a Covid 19

viernes, 07 de agosto de 2020
O medo é un mecanismo que asenta nas nosas vidas. Sempre está aí para alertarnos dos perigos que, por veces, mesmo nos salva a vida.Pero non sempre é así. Porque hai un medo enfermizo que se nos ensarilla na alma e que, lonxe de protexernos,inutilízanos e amárganos a existencia.

“O medo é unha perturbación do estado de ánimo, polo que se altera ou mesmo perdemos a confianza en nós mesmo se nos nosos propios recursos para afrontarmos situacións concretas que son percibidas e identificadas como perigosas para o suxeito.”

Cómpre distinguirmos ben entre medo real e patolóxico.

1. Se a ameaza é real, é lóxico sentirmos temor. Coa maior serenidade posíbel debemos prestar atención, estudar ben as posibilidades e actuar no espazo de tempo máis adecuado e oportuno.

2. Pero cando nos excedemos nas reaccións ou xa non gardan relación coas causas desencadeantes dese medo, daquela, convértese en anómalo e altera e bloquea a conduta normal da persoa, a súa estabilidade psicolóxica e chega a perturbar todo o sistema de relacións co ambiente e cos demais.

O medo non é só dos individuos. Pode ser un problema colectivo. É aí na sociedade onde nós aprendemos esa conduta desadaptativa e nos contaxiamos incluso do pánico.

1. Algo disto pode estarnos a pasar coa COVID-19. Hai unha situación real, persoal e colectiva, de verdadeira alerta. Acendéronse as alarmas.Hai unha chamada xeral a espertar e vivirmos moi atentos. A finalidade: Buscar solucións axeitadas, pór os remedios que a ciencia vaia descubrindo e todos os organismos entendidos nos vaian indicando. E nisto é preciso sermos serios.Hai risco de vida para moita xente. Para a humanidade. Por iso é unha “pan-demia”: está a afectar a toda a poboación mundial. E hai moitos outros danos colaterais e consecuentes dos que nos vai ser moi custoso saírmos. Este medo é real. Está asentado en datos reais. Require unha atención ben planificada e esixe sermos moi solidarios.

2. Pero, ao mesmo tempo, estase a producir esa outra ameaza, non menor, a termos en conta: A esaxeración do temor ao descoñecido.

A desconfianza de todo e de todos e por veces contra todos. Isto carrexa consigo, estase a ver,perda da paz interior, exasperación, desconfianza e non fe na ciencia, nin na xente, na solidariedade, nos servizos sanitarios, sociais, políticos, económicos, etc. Incluso o medo ao medo do que nos falan os psicopedagogos e que tanto dano nos fai polos seus efectos psicoloxicamente incapacitantes e paralizantes.

Estase a xerar unha angustia colectiva, aínda silente. Vese alimentada a cotío por un exceso de información, nin sempre ben dada, nin ben recibida, nin ben dixerida. E hai, así mesmo, moita desinformación. E logo están “as máquinas de meter medo”,esas persoas que gozan sementando o pánico. Un exemplo: “Un grupo de mozos, algún deles madrileño, gritando "Viva el coronavirus" y "vais a morir todos" coas copas na man, sen máscara e por medio do público, quen si cumpría coas normas de distanciamento social e máscara”. Así o denuncia Cultura do Concello do Grove no seu facebook, indicando que tivo que chamar á Policía. (nòsdiario, 31-07-2020).

Todo isto alcanza dimensións xeneralizadas e a escala mundial. E isto tamén forma parte da pandemia. Contaxia interiormente a individuos e grandes multitudes.Sobre todo a pobres, enfermos, anciáns, coidadores, mulleres, nenos, profesionais da sanidade, presos, funcionariados de atención directa e servizos de cara ao público e á poboación, etc.

Do mesmo xeito que hai incendiarios ou pirómanos,enfermizos ou interesados,que sempre existiron, tamén nisto hai detrás grupos manipuladores e moi poderosos.Son eses profetas apocalípticos que xorden coma augures miserentos dentro de todas as organizacións: relixiosas, políticas, económicas, musicais, cancións, etc.Gozan vendo sufrir ás persoas e ás colectividades. Pasa nas guerras, nas hambrunas, nas persecucións masivas, etc Crean situacións de fuxidas masivas desnortadas e espavorecidas cara a ningures. Tamén agora se encontran potenciados polas facilidades de uso e abuso das diversas ‘redes’, difundindo tantas falsidades ou verdades a medias que temos de soportar. Incluso de Xefes de Estado, digamos Trump, Bolsonaro,Putin,etc.(Recomendo a lectura de “Fakenews, poder y periodismo en la era de la posverdad y ‘hechos alternativos’”, de Carlos Elías).

Non. Non é este un problema menor. Non é menor o dano que nos están a facer os diversos grupos interesados en crearen condicións de medo, temor, pánico e pavor. As famosas fake-news: informacións que se están a difundir, adrede, que comezan a seren moi enfermizas. Nunca saberemos que hai de verdade. Incluso os desmentidos posteriores non sabes se crelos ou non.

Todo iso aumenta os estados de ansiedade, depresión, rabia, impotencia, etc. E aumentaron os suicidios no mundo: “O suicidio éo problema máis grave de saúde pública en España. Cada dúas horas e media suicídase unha persoa. O maior número prodúcese entre os 40 e os 59 anos. A maior taxa dáse en varóns de máis de 79. En idades temperás e o risco vai en aumento. (https://waps.es/. 25-XII-2019).

Como se trata dun asunto serio non estaría de mais facer un seguimento adecuado destes problemas por parte de xente ben especializada, principalmente médicos, psicólogos, enfermeiras, mesmo pedagogos, orientadores espirituais, etc.Pero é un problema de política sanitaria de primeira necesidade. É unha tarefa de educación na saúde que implica a todos e cada un na poboación mundial: “Saúde para todos no ano 2000”, dicía o programa da OMS na Conferencia de ALMA-ATA,(6-12- IX-1978). E na de Ottawa, 1988, modificou o lema:“Saúde entre todos para o ano 2000”, dado que todos somos axentes de saúde e sen a colaboración activa dos individuos e da poboación non se vai adiante por moito que avancen os profesionais.

“Unha boa saúde é o mellor recurso para o progreso persoal, económico e social e é unha dimensión importante da calidade de vida, por iso o obxectivo é crear condicións favorábeis para promocionar a saúde. A Promoción da Saúde esixe a acción coordinada de gobernos, sectores sanitarios, e outros sectores sociais e económicos, autoridades locais, industria e medios de comunicación. E propuxéronse cinco estratexias fundamentais para conseguir activar a Promoción da Saúde: Políticas de Saúde Pública adecuadas. Crear contornas saudábeis. Reforzar a acción comunitaria. Desenvolver aptitudes persoais. Educación para a Saúde. Reorientación dos servizos sanitarios.” (21- XI-1986). Que se fixo de todo aquilo?:Foi derivando na privatización economicista a partires de Margaret Thatcher e Ronald Reagan que medrou de forma galopante e salvaxe. E nesas estamos: Por que se lle ataca tanto ao epidemiólogo, Dr. Fernando Simón? Quen hai detrás?A destrución do público. Analicemos ben os intereses.

Cando se comezan a notaren os indicios importantes destas desorientacións de conduta é interesante e fundamental que aparezan persoas con capacidade de escoita activa, sandante e sandadora. Con experiencia de xerar paz e seren pacificadores. De infundiren serenidade e boas orientacións. Hai moita xente con experiencia vital, persoalmente ben experimentada e con competencias. Pero hai que saber acercarse, pedir axuda e saber escoller. Porque nin tampouco todo vale nin está indicado. Tamén aquí se pode facer dano.

Pode axudar moito a participación en grupos con traxectoria acreditada nunha verdadeira relación de axuda, counseling, xeradores de autoestima, consideración positiva, aceptación incondiconal, autenticidade, Todas esas calidadesnas que tanto insistironCarlRogers, A.Maslow, Seligman, etc, e toda a escola da psicoloxía positiva. Xa sería ben que a sanidade pública tomase boa nota e volva a funcionar axeitadamente corrixindo e mellorando canto for preciso. Non podemos seguir expulsando de entre nós os mellores recursos humanos que aquí formamos e logo tratamos sen respecto e sen medios de viviren dignamente. E refírome a todos: incluídos e empezando polos coidadores e persoal de hixiene e limpeza das Residencias de Anciáns, Centros Hospitalarios, Centros de Saúde, Axuda a Domicilio, etc. E os voluntariados. Nos cárceres a figura do “Interno de apoio” salva vidas e axuda a reinsertar. Pois iso mesmo vale para o “veciño de apoio” na nosa Galiza, bacía e baleirada, deses que só falamos nas eleccións pero logo esquecemos ou que facemos batidas sonadas para atoparmos cadáveres de velliños desnortados que só eran acompañados fielmente por un canciño que tamén estaba só.Ou son os sumidos na soidade dos andares ou áticos sen elevador: Sabemos que finaron polo olor estraño que se percibe no canón das escadas e daquela damos conta á Policía. Só iso.

Sabendo todo iso, eu hoxe prefiro morrer só na miña casiña e non ir gozar ás “Residencias” das delicias e promesas da política do Sr. Feijoo. Seguramente que cos seus familiares funcionou ben. Pero iso non era nin foi o que xa se viña denunciando de anos atrás.Hai moita xente sen medios, que de non funcionar ben ‘o público’, non terá oportunidades. O sufrimento estará invisibilizado e será silente e silenciado. Pero teremos unha poboación ben enferma. Novamente enferma. Mal vivindo e peor morrendo. E a todo isto engádese o grande retraso que se está a dar na atención a todas as outras patoloxías que ficaron ai aparcadas e que tamén son de vida e morte.

Moitos retrasos na atención precoz ou ao seu tempo debido, que non admiten demora, están a causar que xa non se chegue a tempo. Porque non se morre só de Corona-virus-19 por moito que nos falen da máxica telemedicina.

“Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo temos as nosas mans”. (M Menapace). E, “coas mans de todos faremos un camiño na noite”, dicía a canción.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES