Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teoloxía breve desde un calendario no cárcere

martes, 12 de enero de 2021
TEOLOXÍA? Para a Cátedra é tratado sobre Deus. Para a Biblia é máis o relato do encontro persoal co Deus que se fai próximo e acontece na historia das persoas e dos pobos en clave de salvación integral da persoa e das comunidades. Sería vivir no hoxe e no aquí de Deus, como dixo o Irmán Roger de Taizé. O Verbo fíxose carne e acampou entre nós: Vós sodes a miña familia. "Un anxo do Señor aparecéuselles e díxolles: Naceuvos un Salvador. O Mesías. O Señor". ( Lc 2, 10-11)

NOITE BOA.- 2020. 19:00 horas. Recibo unha chamada: – Si. Dígame. – Son Welly. "As-salā mu ʿ alaykum". BO NADAL! – Que alegría, Welly! Wa- alaykumu s-salā m! Pero ti es musulmán, non? – Si. Pero BO NADAL. – Grazas. Que tal a túa familia en Somalia. – Estiven a falar con eles esta tarde. Están todos ben, grazas a Deus. – Saúdos ao grupo da parroquia de Mandiá-Ferrol, que coñezo. Vós sodes a miña familia. Dígollo sempre aos meus e iso tranquilízaos e dálles paz. Por iso: Wa-ʿ alaykumu s-salā m, de parte de todos os meus e moi especialmente da miña nai e irmáns – Grazas de parte de todos nós: Wa- alaykumu s-salā m!

NADAL.-25-12-2020.. Podemos saír do confinamento perimetral de Ferrolterra para ver ás familias. Como capelán-voluntario que son desde hai once anos debo estar con eles. Con todos os coidados de rigor prescritos. Sería o primeiro ano que non estou con eles. Son da miña familia e están moi sós. E eu tamén.

Módulo nº 7.- 16:30.- Sala grande, no interior. Aparecen todos a saudar. Alegría. – Cura, tes calendarios? Cada calendario é un diálogo: Como estás? E a familia? Que tal a túa mamá? (A nai no cárcere é sagrada). Saúda á túa familia da miña parte e de parte dos da miña parroquia. Sabede que os domingos nos lembramos de vós e rezamos por todos vós e polas vosas familias.
Un deles desaparece da escena. Volve nun intre: "Fun falar coa miña nai e díxenlle o que estamos a falar. Ela emocionouse moito e dáme moitas grazas para todos". Tamén el nos emocionounos aos que estabamos alí. Chega outro. – Dáme un calendario para X. – Que veña el!, non?. - Non. Di que é ateo. – Razón de máis para que veña. Chega: – Ti es ateo? – Si. – Pois coincidimos. Porque o deus no que ti non crees seguramente que eu tampouco. E falamos todos un intre. No deus das inxustizas, da mentiras, dos abusos, da violencia, etc., dese deus, oxalá sexamos todos nós ateos. Puxéronse serios. Seguimos falando en confianza. Logo fóronse a xogar ás cartas e ao dominó. Era festivo. Están nun campionato de tute.

Alguén achegouse e díxome: "Vós sodes a miña familia. Non vén ninguén.Aquí non somos queridos. Eu nunca fun querido por ninguén. Aínda que só sexa unha visita curta. É a primeira vez que me vén ver alguén, a min, como persoa. Non nos falledes tamén vós agora". E lembrei a canción: "Yo soy rebelde porque el mundo me hizo así. Yo soy rebelde porque nadie me amó. Y quisiera ser..."

A importancia dun calendario no cárcere. "Aprendermos a ler os signos dos tempos". A importancia das pequenas cousas, do insignificante. Eles sábense insignificantes. Non teñen dereito a nada: son pobres Todo o teñen que pedir. E a resposta case sempre é: Non! Ou tarda en chegar. E cando chega xa non a necesitan. Ao preso condénaselle substraéndolle o seu tempo. Oito anos. Vinte anos e un día. Perpetua revisable. (Que sempre se revisará á alza, seguramente). Eses anos serán para el un só día que se repite rutineiramente cada 24 horas, multiplicándoo polos correspondentes factores anuais que darán un resultado de días, horas, minutos contados un a un. Contar o seu propio tempo é imprescindible. Saber en que tempo vive, tamén. Pero doe!

Lembro o día, a hora, o lugar, o onde e o cando. Eran as Xornadas Nacionais de Capeláns de Pastoral Penitenciaria en Madrid. En Santa Engracia. Tiña gripe e 38º de febre. Estaba a estudar a Mensaxe de Xoán Paulo II para o Xubileu do Ano 2000. Moito me impactou nestes anacos que reproduzo a continuación.

"O tempo é de Deus.Tampouco escapa a este señorío de Deus o tempo da reclusión. Os poderes públicos que, en cumprimento das disposicións legais, privan da liberdade persoal a un ser humano, poñendo como entre paréntese un período máis ou menos longo da súa existencia, deben saber que eles non son señores do tempo do preso.

"Do mesmo xeito, quen se atopa encarcerado non debe vivir coma se o tempo do cárcere lle fose substraído de forma irremediábel: incluso o tempo transcorrido no cárcere é tempo de Deus e como tal ha ser vivido; é un tempo que debe ser ofrecido a Deus como ocasión de verdade, de humildade, de expiación e tamén de fe".

"Non só o tempo é de Deus, senón que os momentos nos que sabemos recapitular todo en Cristo convértense para nós nun «ano de graza do Señor»". (Xoán Paulo, II, Mensaxe para o Xubileu nos cárceres, nº 3. 09-07- 2000).

No deserto, preparade os camiños do Señor.

"Tratade os presos coma se vós mesmos estiverdes encadeados con eles pois son da nosa carne." ( Heb 13, 3) E a carne doe. Cando non doe a carne é que non é carne nosa,. Daquela fixémola carne de escravizado. E ao escravo, nin auga! Ou é que, talvez, xa está desvitalizado: Morto. Por iso: Que podrezan no cárcere!, din e dicimos con frecuencia. Que forte soa! Vocación de carroñeiros. E temos razón: xa os temos ben matados. Só nos resta aproveitar a carroña, a carniza.

Tamén se nos enche a boca coa sagrada (?) Constitución. Pois cumplámola!: Art. 25. Non somos nin cidadáns. Nós creámolos delincuentes na sociedade inxusta, levámolos lonxe, ao "vertedoiro" penal e logo que alí podrezan. Nos anos que levo visitando o cárcere a ningún deles lle oín nunca dicir esas palabras tan gordas e desmedidas que oio a políticos e ‘honorábeis’ cidadáns. Ai! Pero se se trata dalgún dos seus, ai!, entón ben que corren a manexar as Institucións en demanda de subterfuxios para salvar ao seu neno, aos seus negocios ou as súas tropelías. Ben quixeramos un trato máis igualitario e xusto: como o do señor Urdangarín, como o do ex monarca, como o de D. Rodrigo, dona …, etc.

"E a Palabra fíxose carne e acampou entre nós. A Palabra era a luz verdadeira. Veu á súa casa e os seus non a recibiron". "Que o Señor ilumine os ollos do voso corazón para que coñezades cal é a esperanza á que fostes chamados". (Ef 1, 18).

O ano da Misericordia deixounos un legado para visitar e cumprir. A porta do ‘chabolo’ é unha porta santa, dixo o Papa Francisco. Iso é entender de que se fala.

O Senhor seja convosco. R/:Ele esta non meio de nós. Esa é a resposta do pobo fiel na misa en lingua portuguesa. E tamén na repartición duns simples calendarios do ano 2021: Tempo de Deus. "Vivir no hoxe de Deus". E ese tempo de Deus concírñenos e interpélanos a todos: Cidadáns/ as. Funcionarios. Vítimas. Familias. Fillos. Anciáns, Mulleres. Voluntariados. Xudicaturas. Lexisladores. Xentes da Lei. Educadores cívicos e sociais. Que facemos? Neste tempo de pandemia o seu tempo volveuse moito máis amargo.

Nunca profanemos o tempo de Deus no irmán/a que sofre. Nunca blasfememos: Que podrezan no cárcere! Os fillos de Deus, mesmo equivocados, nunca son carne de carroña. "Preocupádevos dos presos e dos que sofren porque vós tamén tedes un corpo.

(No Centro Penitenciario de Teixeiro-A Coruña, 10 de xaneiro de 2021).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES