Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que queres ser de maior? De máis maior?

jueves, 11 de noviembre de 2021
San Xiao de Roca, Guitiriz. 10-11-2021.

(2ª Entrega: "Pastoral de ambientes: outra vez os vellos. Así de real!").

Que vas ser de maior? Preguntábannos cando aínda eramos nenos. Cantas fantasías! Xa cheguei! E agora todo é absolutamente diferente. E segue aí a pregunta: Que vas ser "de máis maior"? E atópome con que xa non teño nin fantasías nin respostas. Falo por min. E tamén falo para persoas novas. Falo para os lectores e para as súas proxeccións: Persoais, familiares e das contornas vitais. Non me importa agora citar moitos libros ou facer unha charla erudita. Tratase dun artigo con pouco guión e si moita intención.

Que vas ser de maior? A resposta depende moito da idade a que che presenten esta pregunta. Importa baixar á realidade de cada quen e sermos eminentemente prácticos.
Onde estou? Quen son? Cal é a miña realidade e as miñas necesidades reais? Cal é e cal vai ser o meu futuro? Con que efectivos ou recursos conto?: Económicos, persoais, familiares, de veciñanza, etc.

Con que medios podo operar e como mellor empregalos, sen hipotecalos en mans de especuladores, bancos, ou larpeiros?

Ollo cos caza-fortunas! de onde queira que eles procedan. Chegan pola porta con esas cousas da electrónica: agora xa todo vai por ordenadores! E a min xa me pillan ben tarde. Que doadiño é que nos estafen e enganen! De quen te podes fiar?

Necesitaríamos unha boa equipa de asesores honestos, desinteresados e asequíbeis. Bos conselleiros ou aconselladores, psicólogos, etc. Cáritas. Xunta. Servizos Sociais, etc.? U-los eles? E xente nova? Hai tan pouquiña!

Que vas ser de maior? A pregunta é constante e segue aí. E, porén, cómpreme planear a tempo o meu futuro, mentres podo ser independente e cando aínda non me corre présa. Mentalizármonos para unha 'moi outra' vellez, de xeito ben distinto, con xestión ben diferente. No agardalo todo do Estado, do Concello ou da familia. Teño de tomar decisións moi serias e dar pasos concretos de preparación de onde quero ou podo refuxiarme, acollerme. Pero a tempo. Dispor todo o que teño e dependa de min. Teño de pensar sen tardanzas e decidir coidadosamente, con moita serenidade e paz interior, o cando, en que datas, cal pode ser o tempo propicio ou ideal, mantendo a independencia, para non ser carga para ninguén, con calidade de vida, con autonomía e liberdade de movementos, etc.

Son moitos os interrogantes: Como quero enfermar e morrer? Incineración ou enterramento? Funerais ou sinxelamente un recordo na misa parroquial do domingo coa comunidade cristiá sen máis? Galego ou castelán? Coa xente de sempre ou en privado? "Na máis estrita intimidade familiar", como poñen agora nas esquelas? Así, como de escapada. Coma se a miña memoria fose unha vergoña familiar e comunitaria.
Facer testamento mentres son eu quen de decidir. Pedir consello para saber se estou de verdade a actuar con prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza. Dicía Baltasar Gracián: "Non agardes nunca a ser un sol que se pon. Despois do solpor pouco día queda". "É unha máxima dos prudentes deixar as cousas antes de que elas te deixen a ti". "Débense evitar os ocasos para non rebentar de desaires". "Non agardes a que che volvan as costas". "Hai que pór máis coidado nun final feliz do que nunha aplaudida entrada". "Poucas veces acompaña a sorte e a fortuna aos que están de saída. É moi educada cos que chegan, pero é descortés cos que se van". (1)

Mentres vivimos debemos saber e aprender a cotío a estar presentes e activos na sociedade. Esta sería a grande conquista: manter a persoa humana o máis tempo posíbel con capacidade de autovalerse e autodeterminarse nas actividades da vida diaria, en todos os ámbitos da persoa sendo activo e protagonista en todas as presenzas da esfera social nas que un se mova. Ter a máxima autonomía posíbel e o meirande tempo posíbel: física-intelectiva- psiquica-emocional-relacional e espiritualmente Pero somos moi vulnerábeis e sábeo moi ben "toda a pillaría" que nos acosa.

(Na próxima entrega falaremos da vulnerabilidade e vulnerabilidades da ancianidade na nosa Galiza de hoxe).

Nota:
1. GRACIÁN, B.; El arte de la prudencia, E. Temas de hoy, Madrid, 1998, números 110, 38, 59.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES