Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas'

martes, 14 de marzo de 2023
Presentación do libro 'Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas' de Luz Campello García
no Ateneo de Ferrol (3 de marzo de 2023)

Boa tarde. Grazas por convidarme!
Non prometo non emocionarme.
Os profetas, eses grandes místicos leigos, que non da caste sacerdotal oficial, produciron palabra de denuncia e de xustiza. Alentaron o povo esmorecente e oprimido.
Os lieiros, os separadores, os desintegradores, os aproveitados, etc. Eses son o diabo. Non o dos cornos. Dia-bolos en grego sinifica: separador, desbaratador así como sin-bolos é o que congrega, contrúe, vincula positivamente,
Os poetas, se son tal, producen palabra de profecía, por veces dialecticamente antitética, pero chea de presenza e de transcendencia, como nos di Maslow: De Autorrealización. A súa intrahistoria: A outra cara oculta da lúa, a vida dos vulgares. Iso que algúns dan en chamar poesía de subsistencia, realmente é desacougante. E tal nos vale.
Luz proxecta luz e luces largas. Desacougante, saca das comodidades, desinstala. Complícache a vida. Urxe autenticidade, empatía, consideración positiva e aceptación incondicional, das que nos fala Carl Rogers Carl Rogers no "Proceso de converterse en persoa. (On becoming a person, 1961).
Teño que confesar que con este libro eu chorei. De principio non quixen aceptar o que ela relataba.
Non! Non pode ser! Eu entendo mal. Eu a esta persoa quérolle moito, aínda que case nunca falei con ela.
Volvín a ler paseniñamente e volvín a rebelarme. E lembrei o Inventario do prohibido, en tantas pasaxes. Libro co que coñecín a Luz "porque dicía que era de Labrada", a que eu teño querencias plas xentes que d’alí coñezo. Libro que me revolveu por dentro profundamente, porque acompañei moitos procesos de moitas mulleres e nenos e tamén homes. Libro dedicado persoalmente, que prestei e non volveu, porque anda rodando por mans e corazóns oprimidos de mulleres e tamén dalgúns homes que o sofren nas súas fillas e nais. E ese libro, con dedicatoria, moi persoal, non o reclamo. Está onde debe estar. Circulando. Na finalidade para o que foi escrito.
Por outra banda está a Luz de Do corazón da terra. Canto se me parece Luz a Díaz Castro en Nimbos, o poeta das esencialidades, desde o ínfimo. "Herba pequerrechiña, o universo enteiro sería máis pequeno sen ti".
Ambos poetizan sobre o mesmo rus a mesma aldea común, a mesma Corda, os mesmos Vilares, os mesmos cultivos e querenzas esenciais. Os mesmos xeitos de falar Teñen toda unha simbólica común que xera unha alma semellante.
Un día, despois de vérmonos en Guitiriz, fomos situar á poeta no seu medio máis íntimo, no verdadeiro útero xeneratriz: O Corazón da terra: a Granxa Vella, de Labrada. E a saudamos ao seu pai.
Cumprimos así con algo que a todos nos atrae: coñecer aos poetas, aos músicos, etc., aos que traballan a nosa alma colectiva na súa máis ampla e fonda realidade emotiva e deixarse marabillar: Que ben, aquí naceu e medrou unha alma xemea: Luz. Que ben!
Eu mírome nela como me vin reflectido no Balbino, o neno da aldea, de Neira Vilas.
E agora: "Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas".
Enigmático, para os que non sabemos quen son "as piratas" nin cal é o seu botín.
Quen me fixo a min entrar de cheo no misterio, na realidade crúa que eu estaba a ler e que non quería aceptar porque Luz é miña amiga?
A mesma Luz Campello na entrevista publicada fíxome a esexese correcta, pero dura. E, daquela, tiven de facer de novo o camiño ultrapasando a dor e unha especie de luto, cara a esperanza.
Para comezar, e antes nada, invítovos a ver demoradamente a portada do libro. Pero abrindo a lapela, para ver a realidade total da fotografía. Gostaría que circulara pola sá. Para ver "a cara oculta da lúa". Eu sei moi ben o que supón iso. O que aí se contempla. Porque moitas veces en intensivos e na planta do hospital ou na Atención Primaria e logo nas parroquias ou en relacións persoais ou nos cursos de saúde que vou dando, tamén no cárcere, alguén acaba abrindome a súa alma, a min que son un home e fun moi cediño un neno orfo de nai. E teño que confesar que chorei moitas veces. Polo segredo "inconfesável". O botín das piratas: As perdas na vida.
Escoitade isto: "Olla, non sei como empezar! Pero voume atrever. Ti es home, pero inspírasme confianza: Si. Estou decidida! Pero gárdame o segredo: Estou mutilada! Xa non me van querer, xa non vallo. Xa non son nin media muller". Non vos invento nadiña.
Meu Deus que inferno o da conspiración do silencios. O mundo emotivo o da intelixencia emocional: que consiste en identificar e diferenciar ben cada sentimento, cada emoción, os graos de autoestima, a depresión inconfesavel: todo o do Inventario do Prohibido. E logo ter forza para rebelarse e facerse donos da propia realidade e pórlles palabra clara e diáfana: Palabra terapéutica e sandadora e sanante, e aparece outro mundo. Morrerei pero son eu: LUZ! Duro! Non si?
E DE SER A DERRADEIRA, LUZ, PASO A SER A PRIMEIRA: LúA.
"O OUTRO LADO DAS COUSAS". "A CARA OCULTA DA LÚA"
A VISIÓN FEMININA, CON ALMA, VIDA E CORAZÓN DE MULLER. Desde a ESPERANZA e para a Esperanza. Saber ler á inversa, con fedback.

Non! Eu non vou centrarme propiamente na análise literaria do texto, nin na calidade e forza poética, que xa está sobradamente probada. E os compañeiros de mesa xa a analizaron. PARABÉNS!, aos dous.
Eu, como home, galego, enfermeiro, cura e xa vello, móvome moito no mundo da psicoloxía e do counseling, acompañamento de persoas, tanto na saúde da corporeidade como no que Maslow chama a aurrealización da persoa.
O que me prende é o valor terapéutico da literatura de Luz Campello García, (eu uso sempre tamén o segundo apelido, o materno). nas cinco dimensións da persoa e tamén na área socio-sanitaria.
Un libro de fondos valores espirituais: Bondade, verdade, beleza, esperanza, música, poesía, razóns para vivir. E para morrer con dignidade, tamén!
Se a poesía é luz que nunca nos falten nin esta Luz nin a súas proxeccións poéticas, que a xulgar polo que xa coñecemos dela, sempre será profecía poética transgresora que é a única que non adormenta con soños de alienación e abre á visión feminina dun futuro vital a conquistarmos. Ela sempre sabe situarnos nese outro lado infindo e transcendente da vida e das cousas.
Ben vinda sexa ela e as súas matinacións poéticas ao mundo dos mortais, ese mundo tantas veces sen alma, o mundo deses que nos queren conducir por vieiros de escuridade e sen esperanza.
Nun sitio ou noutro, irei recoller sempre a misteriosa luz de Luz e en Luz. Como dicían os rapaces bravos dos colexios de Ferrol, en tempos idos, en plan de desafío: A LA SALIDA TE ESPERO!
Eu tamén!, coma aqueles rapaces, ávidos de cambiar o mundo e sendo transgresores con causa: Luz, sempre te esperarei nas saídas da vida e para as verdadeiras saídas: mulleres en dificultades, maltratadas, etc.
E agora Voulle ceder a palabra á mesma Luz. Dí ela textualmente:
“Na portada hai unha foto preciosa de Alex Ferro, compañeira de camiño. A foto é moi doce. É da miña filla pequena tocándome o peito.
O que máis me gusta é a súa naturalidade. Facía un mes que acababa de dar de mamar cando me apareceu o cancro.
Ao ter un cancro previo, e ter os fillos máis maiores, foi unha experiencia marabillosa poder aleitar.
E foi unha sesión de fotos marabillosa, transmíteme naturalidade. Eu expreso as cousas cara a fóra. E os meus fillos viviron todos os pasos: sen mama, sen pelo, pero tamén viviron o sorriso e a sonrisa.
É un libro que pasa por todos os camiños, pero dende o silencio, desde a reconstrución. É como desfragmentar: tes moitas feridas, que as sangras, pero tamén as curas e as desfragmentas, para dar unha persoa máis forte e máis lixeira para a vida.
Sabendo que hai pesos que non é necesario levar.
Sabendo que: "ESE É O BOTÍN".
Sabendo que por máis que teñamos a posibilidade de comprar -e non digo que o económico non sexa importante- o máis importante hai que construílo dende dentro e na proximidade.
Construír relacións sás, na expresión de afectos, volver centrarte non máis esencial e básico, iso que, como estaba aí, nin sequera o vías: os pais, os amigos...
É como un abrigo que tes. É a forza do apoio social, que ademáis é co que nós traballamos.
E segue a dicir:
- Eu non separo os máis de 30 anos de traballo no CHUAC. Aproveito toda a aprendizaxe de vivir, métoo no meu botín. O que aprendo a nivel persoal aplícoo ao profesional e viceversa. Para min todo suma.
Ensinoumo unha psicóloga. Temos unha sola vida e aínda por enriba é curta. Temos de intentar que todo o que fagamos teña inter-relación, que non nos perdamos no labirinto.
Agora mesmo interésame moito o traballo comunitario, as redes sociais de apoio, todo o que ten que ver coa paisaxe e a contorna, coas relacións veciñais e sociais para evitar o illamento, a soidade non desexada. Para facilitar nesta sociedade dixitalizada o acceso aos servizos da poboación aínda non preparada.
E por outra parte, interésame tamén os dereitos individuais das persoas para a autodeterminación da súa propia vida.
Que consideramos calidade de vida? Como queremos ou non queremos tratarnos e ata onde queremos chegar? A eutanasia, informar sobre ese dereito e acompañar aos que sofren, que todos os apoios sexan sans, aprender como traballar coa xente para que isto non sexa un caos que destrúa No meu caso, é inseparable o persoal do profesional". Pecho a cita.
E eu xa acabo. Seguramente a meirande parte de vós tendes lido o relato literario de Xobe,(JOB). no A. T.
UN libro poético, pero moi duro: "O exceso do mal, concentrado nunha persoa", en Xobe.
A última frase é esta.: ”Antes só te coñecía de oídas. Agora víronte os meus ollos: Os ollos do corazón que lle diría O raposo ao Principiño. O ESENCIAL E INVISIBEL!
Grazas LuZ e LúA. Eu antes coñecíate de oídas. Agora, por este libro, véxote xa con máis diafanidade desde os ollos do corazón e dóesme e quéroche, porque ambos xa estamos domesticados, xa nos fixemos da mesma domus. Xa somos da casa. Por iso, un día, nós, tivemos necesidade irremediável de pasar e parar na Granxa Vella de Labrada.
GRAZAS LUZ POLA CARA OCULTA DA LÚA. Polos teus libros e por romper a conspiración do silencio.
"Se é túa a miña noite, se choran os meus ollos o teu pranto, se os nosos berros son iguais, coma un irmáu che falo". (Celso Emilio).
Bicos e grazas, Luz.
E hoxe máis do que nunca. Porque hai poucos días aumentou para vós, na familia, o botín das perdas esenciais: o pasamento da vosa mamá.

Moitos bicos, de Xaquín de Roca.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES