Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha casa de acollida! Para quen e para que?

lunes, 01 de mayo de 2023
"Adóitase dicir que ninguén sabe realmente como é unha nación ata estar nun dos seus cárceres.
Unha nación debe ser xulgada non por como trata aos seus cidadáns máis acomodados,
senón por como trata aos que pouco ou nada teñen".
(Nelson Mandela).


Unha das boas formas de introducirse, coñecer e achegarse a unha realidade é describila mediante un feito da vida real.
24 de abril 2023. 13:00 horas. Módulo 11, Prisión de Teixeiro. A Coruña.
Coincidín por un instante con Alfonso e Miguel. Xa ía ser o "reconto" de mediodía. (Xa sei que o cárcere é así. Pero aínda despois de catorce anos, a min, iso é algo que me dá para atrás). E noto que Alfonso me quere dicir algo, con présa. Non tiñamos trato. Véxoo moi triste e angustiado: E comeza o relato: (Case non nos coñecemos. El a min tenme visto en actos de grupos).
- A vostede non lle "toca" vir por aquí, polo 11. Pero eu teño hoxe concedido permiso para ir tres días para ir á Casa de Acollida de Cáritas e Pastoral Penitenciaria na Coruña. E acabo de saber que hoxe tamén vai fallar o bus. E vou perder o permiso! É o primeiro. E van tres anos! (Fala moi apurado e angustiado) A ver se, cando vostede saia agora a mediodía pode falar coa Asistente Social da Coruña. Que non pense que son eu quen lle fallou. Non quero que ela se preocupe. Estou moi triste! Levo moito tempo contando os minutos. Eu nunca tiven sorte na vida. Un día, se pode gustaríame falar. Veña por aquí. Necesito falar con alguén distinto, que viva fóra. Aquí todo é igual sempre. Agora, p. Ex.: reconto, comer rapidamente, e, xa antes das dúas, "chapados" no "chabolo". Ata as 16:30. Baixas ao patio. Tomas un café, se tes con que, e xa a traballos manuais, se hai a sorte de que os haxa. A min, hoxe, as 16:45, viranme buscar para ir á saída para irme. Pero se falla o bus, fico tirado aí. E pasado un tempo de espera, volta para dentro. E o permiso perdido! E a esperar outros catro meses. Non o dou soportado. Estou moi triste!
(E chaman para o reconto). Cando acaban, pídolle ao funcionario dous minutos para acabar de falar con Alfonso. Como de costume, son moi amábeis. El é sabedor do caso e tamén o sinte. Pero el non pode saír do módulo. Déixanos que falemos.
- Alfonso, mire! Agora non temos tempo. Pero tranquilícese, se pode. Eu, agora, tamén xa teño que saír. Pola tarde teño un curso na aula cinco do Multiusos. Vou falar coa funcionaria da entrada e xa lle digo que vostede vai esperar por min alí, na saída. A cafetaría do público está pechada. Xa, entre todos, con vostede no medio, buscaremos logo unha forma de arranxar isto. Pero ten que agardar ata as sete, que é cando acabo eu esa crase de psicoloxía aplicada. Se pode, estea confiado. Non lle imos fallar. O funcionarios queren axudarlle. Habémolo conseguir entre todos. Pero entenda ben isto: eu non vou saír ata as sete. Así que ata ese momento, non lle estea dando voltas ao maxín das malas fadas. Descanse e repouse ben a comida, se pode.
E, como era de esperar, o bus fallou! Entón, coa amabilidade da funcionaria e cos contactos coa asistenta social para que o acollesen ao recibiren a nosa chamada, inviteino a subir ao meu coche e leveino a Betanzos. Canta necesidade de falar, de contar a súa vidiña e a súa soidade, que foi e é certamente ben triste. Alí enlazamos con un bus dos que fan o servizo de cada media hora á Coruña e así xa non tiven eu de facer esa segunda parte do traxecto. Na semana que vén xa nos veremos de novo no Módulo 11. E falaremos. Vaia senón! Eu escoitarei todo o que poida. Sen présas! E colocándome no seu lugar!
En Ferrolterra non temos cárcere. Pero si temos bastantes presos. O noso bispo de Ferrol, D. Fernando, quere abrir en setembro unha casa de acollida para o permiso dos presos, sen familia, con afastamento familiar, estranxeiros ou os sen arraigo en Ferrol, tan necesario para ir preparándose para a saída, aínda vagarosa.
Vimos loitando por iso desde hai anos. Por fin agora vai ser verdade! Pero necesítase a colaboración dunhas quince persoas que teñan algunha horiña, dúas veces á semana, de cada dous meses. Trátase de escoitar, atender, ou dar algunha orientación ou axuda para acompañar nalgunha xestión. E para iso, todos valemos.
Pensemos que no cárcere están os pobres, os rotos, os sen familia, os solitarios. Xa perderon o contacto coa sociedade actual.O mundo cambiou moito. E eles tamén cambiaron.
Os outros, os que non perderon as familias, xa teñen onde refuxiárense ou onde volver a acubillarse. E mellor así.
Pero logo están estes. Como dixo Alfonso: "A min a vida sempre me foi mal". "Nunca a sorte parou na miña porta. Xa desde moi noviño eu nunca tiven porta".
"Unha casa de acollida! Para quen? E para que?
Non sexamos tamén nós dos que berran soberbios: "Que 'apodrezan' no cárcere". Alí hai para todos unha praza á espreita. E xa non sexa que un día sexa eu!...
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES