Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nai dos desterrados

jueves, 01 de junio de 2023
Nai dos desterrados é o título do fanzine que Amnistía Internacional vai publicando co obxectivo de concienciar sobre os Dereitos Humanos aos máis novos. En cada edición, unha serie de artistas colaboran de maneira altruísta tratando algún destes temas.
Acaba de caer nas miñas mans o número cinco. Nove historias, un par delas cunha Nai dos desterradosúnica imaxe co título "O abrazo I" e "O abrazo II" de María Brenn, coa que se dá comezo e final á publicación e que funciona case como cartel. Unha muller cociñando cun bebé no colo e con tres máis agarrados e ela (pola roupa, polas pernas...) e un can que tamén quere subir por ela arriba. Está de costas preparando o alimento e acollendo no abrazo a esas criaturas e ese animal; todos a miran. Na páxina final, outra muller, que é a mesma, agora de fronte, nun hospital, no medio de dúas camas, agarrando dunha man a un enfermo e da outra a outro; non sei se suda ou chora, todos levan mascariñas e ela ten conta deles contra a morte. Esas imaxes de María Brenn ben valen unha novela gráfica e o mellor é que conteñen, como a poesía, concentrada toda unha historia, unha emoción, un discurso.

Vendo o resto das historias semella que os homes andan na elipse e o escuro, mentres as mulleres van máis ao concreto, quizás a súa banda deseñada estea máis próxima á que merecemos nesta actualidade na que precisamos que as cousas se mostren claras. A cuberta de Cráneo cunha médica dándolle a man a un medio home medio cadáver, tamén é evidente, certo, pero nunca tan fermosamente auténtica como as de María. Román Cuadrado métenos nunha historia de "capacitismo". Mariña Rey trae a inmigración de maneira limpa. Adri Sierra, a vellez nun gueto, tamén blanco sobre negro. "Diatriba trans" de Greta Debelius cunha disquisición e Isra Valvar cunha plana que hai que mirar moi detidamente... e así varios máis, todos centrados nos coidados. E van 5 volumes de Nai dos desterrados, que por riba pon "Prohibida su venta, ejemplar gratuíto", agardemos que se trate dunha broma, igual que a lingua na que está escrita a frase. 

O nome, "nai dos desterrados" soa a letanía. Fai que te deteñas e penses. Os títulos é o que teñen. Neste caso, céntrase nos coidados e quixera determe na entrega de Adri Seara que se titula: "Os que estorban". Dúas mulleres maiores, nun amplo espazo de residencia, conversan. E o razoamento vai avanzando: coidaron dos vellos en casas nas que vivían pais, fillos e netos; sempre había alguén que botase unha man a quen xa non se daba valido por si mesmo; traballaban fóra e dentro da casa. Agora os tempos cambiaron, os fillos na cidade e os netos noutro país, e... "claro, non poden deixar a súa vida para virte atender e qué vas facer ti soa todo o día neses pisiños sen ter para onde moverte. Algunhas van coidar aos vellos doutras familias..." Agora están aí, sentadas ou dando voltas, agardando... a que chegue o seguinte turno de traballadores, para ser vestidos/as, lavados/as, alimentadas/os. É o que lles queda por facer: agardar. "Almacenados, fóra da vista, onde non estorbamos, para que o mundo non teña que parar a mirar para nós". Non se pode dicir tanto en tan pouco espazo, con tan poucas palabras. Aí non estorban.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES