Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'As Letras Galegas do actual Bispo de Ferrol, Fernando García Cadiñanos'

miércoles, 07 de junio de 2023
Non. Non quero contrapolo a D. Paco Fernandez del Riego, nin a D. Ricardo Carballo Calero, nin a Rosalía, Pondal ou Curros. Quero salientar: que sendo el de Burgos, levando só un ano e pouco aquí en Mondoñedo-Ferrol e sen saber antes nadiña da nosa lingua, porque non se lle pasou polo maxín que nunca o ían destinar para a aquí.Pois, vén en resultar e resulta, que este bo homiño, metido a bispo, colleu o cargo en serio e sabe ben cal é o seu camiño evanxélico: QUE FARÍA XESÚS DE NAZARÉ, HOXE E AQUÍ, SE VÉN ENVIADO A EVANXELIZAR NA GALIZA?
O primeiriño: "encarnarse", ("facerse carne"), da comunidade que se lle encomendou. E intentar expresarse e falar coma os galegos:co corazón e con obras, (como así o vai demostrando cada día). Defender a cultura do pobo que o recibe, á par de todas as culturas e linguas do mundo. Nunca desprezala nin facela de menos. E moito menos á xente que a falamos, que principalmente somos nós, pobo común, os de abaixo: o mundo obreiro, os campesiños, os mariñeiros os das barriadas populares e as xentes de boa fe. E os presos. Que principalmente falan en galego, por seren a maioría nos cárceres da Galiza, e son os pobres da Galiza pobre.
- "Pero no cárcere tamén están outros pobres do mundo empobrecido con diversas linguas, segundo o pobo de onde son". Díxome un amigo meu. "Entón, en que lles falades desde a Pastoral Penitenciaria?
- O primeririño: falar é acoller co corazón, con confianza e proximidade, como nos ensina Carl Rogers, o psicólogo humanista: "con empatía e respecto, con consideración positiva e aceptación incondicional, con autenticidade, coherencia e honestidade a quen chega ferido dos camiños da vida. E, sen medos nin prexuízos, pórse de verdade no seu lugar, deixalo falar e expresarse e escoitar moito. E para iso só fai falta ser humanos. Non é necesario ser moi relixioso, político, ou especialista en algo. Só ser humano, co que iso significa. Dicía Zenón de Elea: temos dous ollos, dúas orellas e unha soia boca. E escoitar moito. En que lles falamos, preguntas? Os pobres, os doentes, os enfermos, (in-firmus, en latín, sen firmeza nin seguridades) sempre falan no que poden e saben para facérense entender e que alguén lle bote unha man de amigo. ¿Qué nos ensina a Parábola do Bo Samaritano? Temos de axudar sempre aos demais. E sobre todo a aquelas persoas que, ao pasarmos, as atopamos casualmente no camiño, nas proximidades de nós, que necesitan axuda. Xesús non fai distincións entre persoas: todos me son "próximos", sen importar nacionalidade, relixión, nin ideas políticas. Porque "prójimo" é sinónimo de próximo: ao pé da miña proximidade, cercano. (Lc 10, 30-37). A parábola non di que teña que ser coñecido, senón, quen se atope nas contornas próximas do meu alcance, en estado de necesidade vital: alento, ánimo, socorro, orientación, axuda, alimento, apoio, comprensión. Sendo eu, eu mesmo, nese intre, o necesitado de humanización. Tamén eu son pobre en humanidade! "Se paso de largo" na vida, algo moi grave e serio está a pasar en min, na miña humanización e "hominización".
E isto vale e serve para toda a ecoloxía concreta e universal: reino animal, vexetal, mineral; terras e mares; aire que respiramos e sol que nos ilumina. A natureza toda ela está xemendo, berrando! Ser próximo, lévase malcos nomes comúns que usamos e nos habitan: "apropiación, abuso, desprezo, vilipendio, violencia, violación, maltrato, malostratos, desbaldo. Ou cos verbos: desnaturalizar, esborrallar, despoxar, desprezar, desterrar, desmoralizar, desesperar, esgazar, esfarrapar, desmantelar, desamparar, destruír, devastar, estragar, guerrear, esnaquizar, escachizar, aborrecer, desvencellar, desenraigar, desenraizar, etc.
Pois se podemos e sabemos, escoitamos, atendemos e escribimos polo menos as vinte palabras máis importantes da súa vivencia, emotividade e afectividade de orixe. E logo citámolas apropiadamente, sen irmos de sobrados, na relación continuada. Sen postureos de "eruditos a la violeta".
̶Está ben. Un pouco idealista. Como é posíbel?̶ Non amigo. E cuestión de actitude fonda, seria e de respecto ao outro. Para iso estáGoogle. Para utilizalo con cabeza, non si? E cuestión de estar convencido do valor absoluto de achegarse á cordialidade do forasteiro con corazón e vontade de acollida. O primeiro día de contacto, a primeira relación, é sumamente importante en todo. Está sangrando a alma por todas gretas e fendeduras. Unha palabra ou unha canción, no propio do interlocutor é chamar ao corazón, que é o máis magoado e ferido. Significa que te interesas pola súa persoa en todas as súas dimensións e situacións: física, emotiva, cognitiva, afectiva, saber de onde procede, quen son os seus, que perigos superou, etc. Pouco custa ter á man unha libretiña para non esquecer. É sinal de que estás a tomar nota. Nos seguintes encontros falaremos, avanzando en "aproximacións", co inicio dun proceso e dun proxecto. Sen improvisacións, nin promesas falsas, nin para saír do paso, do que xa saben tanto. Facéndonos cada vez máis próximos, tal como poidamos. Porque, "anque as nosas palabras sexan distintas e ti negro e eu branco, en tendo semellantes as feridas coma un irmán che falo". (Celso Emilio). Sónache, non si?
Pois ben. Este bispo de Ferrol, forasteiro el, ten xestos e palabras. E vai pasando o tempo e observámolo. E resulta que non hai postureo. Detrás hai un home fondo e serio. Pero alegre e vital, que contaxia entusiasmo e creatividade. E así, cumpre o mandado do Concilio Vaticano II e tamén o do Concilio Galego.
Por iso me chamou a atención ver a súa sinatura nun artigo de opinión, nun xornal local, falando da necesidade de sermos contemplativos nun mundo líquido, de ruxidos e ostentacións. E en lingua galega. Pois por iso o lin. Mandeino a facebook e recibín moi bos feedbacks, polo fondo e pola forma lingüística.
Véxase o artigo da súa autoría: A clausura, un don necesario", DIARIO DE FERROL. OPINIÓN, 03-06-2023. E quero supoñer que a ninguén se lle pasará pola cabeza acusar a D. Fernando de ser un desprezadorda súa lingua de orixe, o castelán. PARABÉNS!, SEÑOR BISPO. GRACIÑAS por ser sinxelo ao xeito de Xesús. El falaba en arameu e en grego koiné, aínda cando sabía o hebreu das crases dominantes e do Sanedrín. Pero el falaba, achegábase e vivía en aldeán e paduán.
Iso chámase: COHERENCIA e AUTENTICIDADE, amigo D. Fernando."A vós chámovos amigos". (Xn 15,15). E nós a ti?: Irmán FERNANDO, bispo e servidor. GRAZAS!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES