Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O meu país

jueves, 11 de abril de 2024
Apareceu en lemas e pancartas: "Cando o goberno desaparece, o pobo esperta". Quixera crelo, séculos leva o himno pedíndoo e o fogar de Breogán durmindo un sono de mansedume ou abandono. Seguindo o exemplo das vacas pacendo nas brañas, O meu paísrumiando e pasmando, mirando a beleza do mundo e non molestándose demasiado tampouco cando llo contaminan.

As empresas de muíños de vento colocándoos onde queren, ocupando as terras ata o punto de expropiar estradas de propiedade pública e os representantes políticos colaborando con eles ou facendo que non ven ou xogando coa caridade sen máis.
Os bosques sendo ocupados polos eucaliptos que xa non queren en ningún sitio.
As empresas contaminantes recibindo respiración asistida por parte de gobernos que non se saben se son afíns ou vendidos.
No mesmo caso, as autoestradas que nunca deixaremos de pagar a empresas alleas.
Os nosos aforros con todos os seus dividendos culturais entregados a capital estranxeiro e o García Barbón chamándose co nome da empresa. Cabe máis indignidade?
O castro Lupario que explica a nosa prehistoria, e do que falan as lendas xacobeas, sendo destruído mentres se nos enche a boca cos camiños de Santiago e animamos a toda Europa a que camiñe cara a nós para ser contados sen máis, como aquel "El turista 1.999. 999". Que pouco avanzamos dende aquela!

Os grans de plástico contaminando o mar, tintándoo de branco despois de que hai un tempo nolo asfaltaran de chapapote. Daquela unha pancarta mostraba "Nai, non me esperes, estou limpando a merda dos políticos." Era bo o lema. A mocidade estaba facendo o que non lle correspondía, porque quen tiña a responsabilidade non a exercía.

Estes días estase levando a cabo un ciclo de conferencias baixo o título "Súbditos ou cidadáns" e a min escápasame o cursor e escribe "Súbditos ou servos" nun acto errado que Freud podería explicar. Organiza quen quedou con Sargadelos deixando fóra ao creador (nos derradeiros anos da súa vida, cando pasando dos oitenta) e faino con catro charlas: unha dun representante de Vox, dous do PP e Manuela Carmena que está por riba de siglas. Unha muller digna para branquear un ciclo de conferencias, unha empresa... un país.

Penso no país e as súas xentes, no dereito a vivir mellor ou a manter o territorio nunha situación non tan deplorable. Penso se merecemos outra cousa ou debemos conformarnos, porque os masoquistas adoran que os maltraten, porque os covardes son agresivos cos que teñen debaixo e submisos cos de arriba, porque xa sempre foi así, porque os que protestan dise que "por algo será que lles veña ben a eles". Semella que non aprendemos nin queremos facelo, que nos conformamos sen buscar ningún tipo de transformación; válenos aquel "Total, todos son iguais!", "Quen vai estar interesado en protexer o común e non facer cartos para si?", "O galego non protesta, emigra", "Non nos vai ben pero podía irnos peor", "Mellor conservar este malestar que correr o risco de cambiar", "Todo está fóra de nós, ou pensas que o que eu faga vale para algo?" e ata "Que terá que ver o voto con iso?" Cando iso é calquera cousa, a cita médica que tarda, a escola que non funciona, a residencia para o avó que está moi afastada ou onde ata explotan a circunstancia da vellez, a estrada que anda chea de fochancas, a rede de sumidoiros que non hai, a pesca que vai a menos, os produtos do país botados a perder para mercar os de fóra, a enerxía que está a prezo de ouro, os nosos impostos mantendo aos peregrinos, o noso idioma desaparecendo á vista de todo o mundo, a cultura transformada en espectáculo, a política nunha lameira... Pero nós "envolvémonos en sabas de mil anos e en soños volvemos escoitar a chuvia" que escribía Díaz Castro, er miramos o país en palabras de Xoán M. Casado:

O meu país
É un recuncho sin tempo
que durme nugallán.
É unha folla no vento
alento e desalento.
O meu país.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES