Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O europeísmo de Franco Grande

miércoles, 24 de abril de 2024
A catro anos do seu falecemento lembramos a un dos imprescindibles da historia do noso Consello Asesor.

Xosé Luís Franco Grande tivo no europeísmo un dos seus grandes referentes intelectuais. Formado nesa xeración que nos anos cincuenta ollaba para Europa como meta para Galicia, as ideas europeístas formaron parte indisoluble do seu galeguismo. Nun tempo en que o proxecto europeo daba os seus primeiros pasos, Franco Grande ollaba con esperanza aquela ventá de oportunidade que Galicia podería explorar para O europeísmo de Franco Granderecuperar a senda da recuperación da súa dignidade nacional nun contexto aínda marcado polo franquismo máis ditatorial.

Hai 15 anos, nunha monografía do IGADI a modo de reflexión colectiva e plural sobre o europeísmo de Ramón Piñeiro (con achegas de Ramón Lugrís, Pérez-Barreiro Nolla, Camilo Nogueira, Fernández Albor, Agís Villaverde), recuperaba un texto inédito que escribira á idade de 20 anos. Nel sintetizaba o pensamento e a visión arredor da visión federalista que promovía Denis de Rougemont, autor de cabeceira para moitos deles. Europa como cultura: nela radica a forza do seu porvir, que necesariamente debe fundamentarse na idea democrática.

Aquel Franco Grande cría que o ideal europeo debía afincar firmemente na súa tradición cultural, no humanismo e na procura do ben común. A Europa do libre desenvolvemento dos pobos ben afastada de calquera caste de cobiza imperialista como tamén da superación do concepto de Estado-nación. Era a Europa da federación de comunidades básicas que explorara Ramón Lugrís a modo de blocos de construción do edificio federal europeo. Por certo, que Lugrís reivindicaría sempre o importante papel de Xaime Illa nesta cuestión, moito mellor informado que Piñeiro.

Non sen certa nostalxia, no propio Franco Grande, aquela Europa en gran medida utópica foi quedando atrás e cedendo paso trala fin da guerra fría a outras magnitudes mais distanciadas e críticas. E ata chegaría a asumir que o ideal daquela Europa onde Galicia podería desenvolver a súa persoalidade diferenciada corría moi serio risco de resultar máis desdebuxada que entón a pesares dos tímidos avances experimentados nas últimadas décadas trala reformulación do proxecto europeo e a integración ibérica nel. Fronte á apariencia de proximidade colateral ao rumbo que trazara Castelao no Sempre en Galiza (autonomía, confederación con Portugal, ingreso na unión europea, unión mundial) como frontispicio do seu pensamento, non podía dar por realizada aquela esperanza.

Asesor do IGADI, Franco Grande mantivo sempre ese interese por Europa e, en xeral, polas cuestións internacionais. Sintonizaba coa Europa social, multicultural, solidaria e defensora da paz pero era igualmente crítico cos seus déficits ou coa súa submisión ao comportamento imperial de Washington. Comprometido co ideal democrático e pacifista, o seu europeísmo tardío incorporou unha visión máis escéptica, louvando o papel dos movementos alternativos ante a deriva tecnocrática do proxecto.

Franco Grande foi un persoeiro de ampla cultura, libre de ataduras. En contraste cos tempos actuais en que na cultura semella importa máis o ser parte ou afín dunha determinada oligarquía ancorada no sistema cultural, Franco Grande é un recordatorio da importancia da independencia e da liberdade de xuízo. A catro anos do seu falecemento, lembrámolo sempre con afecto e respecto.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES