Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino primario no Concello de Monforte de Lemos de 1900 a 1936.*

jueves, 09 de mayo de 2024
Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de Monforte segundo a Lei de 1857.

A Estadística escolar de España de 1908 indica que o Concello de Monforte en 1908 debía ter trece escolas elementais completas de nenos, outras trece de nenas e tres escolas elementais incompletas mixtas, en total vinte e nove, distribuídas as vinte e sete parroquias en catorce distritos: sete nas cabeceiras das parroquias de Caneda, Distriz, Fiolleda, Marcelle, Monforte, Ribas Altas e Valverde, máis Reboredo na de Baamorto, Igrexa na de Gullade, Río na de Chavaga con escola en Regueiro de Bascós, Outeiro na de San Xillao de Tor, Calvos na de Santa Mariña do Monte, Rego na de A Vide e Gándaras na de Vilamarín. Agora ben, só tiña dúas escolas elementais completas na capitalidade, unha de nenos e unha de nenas, a de nenos tiña clase de adultos, máis catro mixtas nos distritos de Igrexa, Outeiro, Reboredo e Río, as tres primeiras con clase de adultos. Estas escolas tiñan 552 alumnos (72 párvulos, 382 de seis a doce anos e 98 maiores de doce).
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: seis en Monforte de Lemos, dúas elementais completas na cidade de Monforte e catro mixtas.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de Monforte percibían 720,83 ptas., o que supoñía que superaban as 700 ptas. en función dos dous mestres da cidade; incluso os auxiliares recibían 625 ptas., cando no resto do distrito non chegaban ás 600 ptas.

Os proxectos educativos municipais de nova planta na cidade de Monforte.
A principios de século na cidade de Monforte funcionaban dúas escolas públicas elementais completas: a de nenos, que estaba nun edificio antigo pertencente ao Colexio da Compañía e carecía de condicións hixiénicas e de capacidade suficiente, e a de nenas, sita nun terceiro piso dunha casa de aluguer, que aínda reunía menos condicións.
Ante a insuficiencia de edificios para as escolas, a Corporación municipal, en 1903, propuxo construír edificios municipais de nova planta, segundo o modelo oficial, a fin de colocar a instrución no grao de cultura que esixía a época, pero recoñecía a carencia de recursos e ingresos pola situación precaria do Concello, a cuxo fin solicitou ao Goberno a subvención do 75% sobre o custo das obras a que tiña dereito, segundo determinaba o Real Decreto do 5/10/1883, e utilizar para o resto da obra a prestación persoal que facultaba a Lei Municipal, despois de formado o oportuno expediente cos planos do edificio, a memoria e o orzamento da obra.
Este acordo revisouse tres días máis tarde e nesta ocasión tívose en conta o censo de poboación de 1900, e como Monforte tiña 4000 habitantes e por cada 2000 correspondíalle unha escola elemental completa de nenos e outra de nenas, a Corporación resolveu, que en vez dun edificio dobre se construíran dous (cada un con dúas aulas, unha de nenos e outra de nenas), un no barrio do Cardeal e outro no barrio da Estación. En consecuencia, en 1904 conseguiu a correspondente subvención do Estado, 119.794,61 pesetas, o 70% do total das obras. Esta subvención aboaríase do seguinte xeito: 1794,61 ptas. no exercicio de 1904, 2000 no de 1905, 6000 no de 1906, 10.000 no de 1907 e 20.000 con cargo a cada un dos anos 1908, 1909, 1910, 1911 e 1912.
Así mesmo, o Concello de Monforte obtivo a concesión dunha subvención da Deputación, equivalente ao 15% do orzamento, para a construción dos dous edificios para escolas. Deste xeito, acadou o 85% de subvención para a construción dos dous grupos escolares.
En 1905 a Corporación buscou solares para emprazar os dous edificios, un deles pretendeuse na horta do Colexio dos Escolapios, pero estes non accederon; non obstante, elixiuse un solar próximo, onde están agora os Xulgados, na actual Avda. de Galicia, no barrio do Cardeal. Ademais, o Presidente da Comisión de obras deu conta á Corporación das xestións realizadas para a elección do solar no barrio da Estación, sendo o único encontrado en condicións favorables o sito na actual Avda. Leopoldo Calvo Sotelo, hoxe Escola de Idiomas.
As obras demoráronse ata finais de 1912, momento no que os dous grupos foron recibidos e entregados aos mestres. En sesión de finais de dito ano a Corporación deu conta dun oficio ao Inspector relativo á inauguración dos novos edificios, con data do 26/12/1912. Os nenos e nenas comezaron as clases nestas escolas o 1 de Xaneiro de 1913.
Transcorridos tres anos, en 1916, o Director de Obras Municipais manifestou que os dous grupos escolares necesitaban urxentes reparacións, o que denotaba que a construción non fora boa, aínda que tamén se facía referencia a que os mestres debían tomar medidas para o seu coidado e conservación, ao obxecto de evitar os danos recoñecidos. A Corporación aprobou levar a cabo as obras de reparación necesarias.

Tres edificios singulares en Monforte: Grupo escolar do barrio do Cardeal, Grupo da Estación e Grupo do Campo de Santo Antonio.
Os dous edificios, de bonita e proporcionada factura, que albergaron o Grupo escolar do barrio do Cardeal e o Grupo da Estación, públicos, funcionaron cunha escola elemental completa de nenos e outra de nenas en cada grupo, pero o 25/9/1917, tras os graves incidentes da folga revolucionaria ocorridos nese ano, a Corporación O ensino primario no Concello de Monforte de Lemos de 1900 a 1936.*    municipal decidiu situar o Rexemento de Infantería de Zaragoza número 12 nos locais do Grupo escolar do barrio do Cardeal, e trasladou as dúas escolas a casas particulares. É dicir, este grupo escolar, en menos de cinco anos, foi desposuído da súa finalidade e dedicado a funcións non instrutivas. Este edificio foi pródigo en vicisitudes, porque logo cedeu unha parte do edificio á Oficina de Recrutamento e anos máis tarde tivo lugar a súa desafectación a efectos educativos e no mesmo instaláronse os Xulgados. O Grupo escolar da Estación tivo mellor fortuna, sempre en relación co ensino: nel estableceuse en 1945 a Escola Elemental de Traballo na planta baixa, na primeira seguía o Grupo escolar de primaria, logo foi a primeira sede do Colexio Sagrado Corazón, máis tarde Centro de Adultos e Centro de Recursos e por último Escola Oficial de Idiomas.

En 1921, dado o crecemento do barrio de San Antón, a Xunta Local de Primeira Ensinanza solicitou a creación de dúas novas escolas nacionais, unha de nenos e outra de nenas, toda vez que a Monforte por planificación escolar lle correspondían seis escolas. Ao efecto, elevou á Dirección Xeral de 1ª Ensinanza a instancia e o compromiso do Concello de adquirir o material necesario, así como o arrendo dos locais escolas e casa habitación dos mestres. Eran tempos para a escola graduada, pero este proxecto no Campo de Santo Antonio non se desenvolvería ata anos máis tarde.
Estamos en 1930 e a Corporación seguía a preguntarse polas escolas graduadas, pois case un ano antes fixérase a poxa, pero as obras non comezaban. O Alcalde respondía que estaban pendentes do depósito que debía constituír o Concello, o que non se puidera verificar por falta de consignación, pero que se iniciarían unha vez aprobado o orzamento de 1930. En efecto, as obras despois foron rápidas, porque a principios de 1933 recollíase a necesidade de facer a instalación de auga no edificio e que se activara no posible a súa habilitación para o funcionamento das Escolas Graduadas no próximo curso.
Pero, cando dito edificio estaba rematado, non comezou a funcionar como Escola graduada, senón como Instituto de segunda ensinanza: era o curso 1933-34. Ben é certo que nun primeiro momento a Corporación propúxolle ao Estado adaptar o Grupo escolar do barrio do Cardeal para o Instituto, pero esta medida non prosperou. Máis tarde, a Inspección, ao obxecto de poñer en funcionamento a Escola graduada, urxiu ao Concello que resolvera o problema do traslado do Instituto a outro edificio, co fin de poder instalar no curso 1936-37 estas escolas, pero tampouco foi posible.

As escolas no Concello de Monforte de Lemos de 1900 a 1936.
Monforte, segundo o censo de 1910 tiña 13.838 habitantes de feito (14.835 de dereito) e a iluminación pública era eléctrica. Este Concello cun orzamento de 159.942,50 ptas. en 1919, destinaba a instrución pública 3027,07 pesetas. A cidade neste momento tiña varias librerías, dous círculos de recreo e dúas sociedades obreiras. Era a capitalidade dunha zona de recrutamento con batallón de reserva, comandancia do posto da Garda Civil, rexistro da propiedade de 4ª clase, dúas notarías de 2ª, administración de correos, posto de carabineiros e unha sección de gardas de seguridade. Tamén, debemos lembrar que había feiras o 6 e o 24 de cada mes, e que o mosteiro de San Vicente do Pino cobraba os tributos aos feirantes desde o século IX.
As escolas públicas deste Concello en 1919 eran dez: dúas de nenos e dúas de nenas en Monforte de Lemos, e as mixtas de Baamorto, Bascós, Gullade e Tor, e as de nenas e nenos de Moreda, que atendían ao redor de 700 alumnos. As da capital tiñan ademais dos seus mestres os seus auxiliares respectivos. Igualmente, o autor daba conta dunha escola privada de nenos e dúas de nenas, cuxa matrícula descoñecía.
A continuación, revisamos o Boletín Oficial da provincia desta etapa, ao obxecto de relacionar as escolas públicas existentes no Concello. Deste xeito, comprobamos que entre 1901 e 1910 non houbo variacións con respecto ás citadas a finais do século anterior. Foi en 1911 cando un real decreto ordenou desdobrar todas as escolas unitarias que posuíran Auxiliarías, co que cada Auxiliaría constituíu unha nova escola nacional, o que sucedeu en Monforte en 1912, próxima a inauguración dos grupos escolares. E en 1920 produciuse a creación definitiva das escolas de nenos e nenas de Lence de Moreda.
En 1922 creouse a escola unitaria de A Parte e as de nenos e nenas de A Penela e a mixta de Ribas Altas. Tamén, cómpre resaltar que en 1929 a zona feminina de Inspección comprendía no Concello de Monforte as unitarias de nenas da Estación, barrio do Cardeal, Reboredo de Baamorto, Moreda, A Parte e A Penela e as mixtas de Caneda, Gullade e Rozavales. En 1931 figuraban como escolas vacantes as mixtas de A Ermida de O Chao de Fabeiro, Figueira de Fiolleda, Río de Marcelle, Piñeira, Seoane, Sindrán, A Vide e Vilamarín e en 1934 constaban como novas escolas mixtas, Reigada, Calvos de Sta. Mariña do Monte e Gándaras de Vilamarín. Ademais, debemos destacar o feito de que por orde de 1935, as escolas de Gullade e A Penela pasaron a formar parte do distrito escolar do casco da cidade de Monforte, deste xeito as de Gullade recibiron a denominación Monforte nº 3 e as de A Penela, Monforte nº 4; se ben, esta disposición modificouse por orde ministerial en 1960, que retornou Gullade a súa localidade, pois figuraba con censo propio e como entidade específica no Nomenclátor. Por último, en 1936 fíxose proposta para crear a escola de As Pedras de As Nocedas, pero non tivo efectividade ata 1948.
En 1934, a Revista de Escuelas Normales recollía a creación con carácter definitivo para a súa provisión por mestres do grao profesional dunha escola de nenos, unha de nenas e dúas de párvulos en Monforte.
Así mesmo, na relación dos locais para colexios electorais figuran as casas das escolas públicas, o que nos permite seguir a evolución das escolas no Concello. Así, en 1909, refería a escola completa de nenos de Monforte e máis a de Baamorto e a de Gullade e as mixtas de Bascós e Tor; en 1931 os grupos escolares do barrio do Cardeal e a Estación, a de nenos de Baamorto, de Moreda e de A Penela e as mixtas de Bascós, Ribas Altas e A Parte-Valverde; e en 1933, 1934 e 1935 engadía as de nenos de O Chao de Fabeiro e Gullade e as mixtas de Piñeira, Fiolleda, Sindrán e Caneda.
En resumo, ao final deste período temos constancia de trinta e nove escolas públicas no Concello de Monforte, en concreto: nove na na cidade de Monforte (dúas completas de nenos, dúas de nenas, catro rexidas por mestres de grao profesional e unha de párvulos) e trinta no rural, dúas (nenos en Pol e nenas en Reboredo) de Baamorto, dúas de Gullade, dúas de Lence de Moreda, dúas de A Penela, dúas de A Parte e dúas de O Chao de Fabeiro e as mixtas de Báscós, Caneda, Ríos de Chavaga, Figueira de Fiolleda, Río de Marcelle, A Parte-Valverde, Piñeira, Reigada, Ribas Altas, Rozavales, San Xillao de Tor, Calvos, Seoane, Sindrán, San Xoán de Tor, A Vide, Gándaras de Vilamarín e Vilamarín. Só tres parroquias carecían de escola: Distriz, que ían a Piñeira; Guntín a Marcelle e As Nocedas a A Penela.
No libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX, completamos a visión das escolas do Concello con algúns documentos significativos existentes no Arquivo Municipal, onde hai un abundante número de escritos coas vacantes das escolas, nomeamentos de mestres, peticións dos veciños, creación de escolas, ..., así como datos extraídos das actas das sesións da Corporación municipal e noticias do periódico local El Combate.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX". Mapa das escolas e centros.
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES