Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Sanidade como espazo de negocio

jueves, 22 de abril de 2010
Cando o PP chegou ao poder en Galicia, hai agora un ano, debuxou un escenario para o seu discurso baseándose en dous piares: a situación de crise económica e o anuncio dunha política de austeridade. Resulta un deseño moi acaído porque permite disculpar os incumprimentos (non hai diñeiro) e reducir o gasto público (consigna deste grupo de ultraliberais que nos goberna).

O novo presidente prometeu que non se tocarían os principais soportes do estado do benestar (educación e sanidade). Xa non é así: nos comedores escolares de Galicia hai días que os nenos andan mantidos a base de bocatas, e o orzamento do Sergas para 2010 veuse reducido por primeira vez na historia da autonomía. A denominada política de austeridade non pasa de ser unha mera pantomima: na estructura do Sergas suprimiron a Secretaría xeral, pero foi substituída por unha Xerencia (que non figura no organigrama) que ten un custe bastante superior. Tamén se poderían mencionar os coches oficiais que se están a deteriorar nos garaxes mentras as autoridades utilizan outros adquiridos ou alugados a través de empresas interpostas.

No que atinxe á sanidade o denominador común deste primeiro ano de goberno popular foi a parálise: frearon os orzamentos, paralizaron o Plan de Mellora da Atención Primaria, anularon a actividade hospitalaria en horario verpertino, pararon o Plan de Saúde Mental e do Plan de Atención Integral á Muller, cesaron os contratos de máis de cen especialistas que viñan prestando servizo nos hospitais públicos e detiveron o desenvolvemento do plan director no novo hospital de Vigo e do hospital único de Pontevedra.

As consecuencias desta actitude estática son visibles xa a curto prazo: o tempo medio de espera para atención cirúrxica pasou de 71 días (marzo de 2009) a 77,2 (marzo de 2010). Case 2.400 persoas máis están a agardar por unha intervención, producíndose un incremento indesexable por primeira vez en cinco anos. Destaca especialmente o enorme incremento acaecido no Hospital de Povisa (que atende a unha grande parte de cidade de Vigo e á poboación do Morrazo): de 98 días en 2009 pasaron a 121 en marzo deste ano. Resulta paradóxica esta pésima evolución se temos en conta que a xerente do Sergas ten unha relación privilexiada co grupo Povisa, para o cal traballou durante moitos anos ata asumir esta nova función. Non pasa pola nosa mente pensar que exista ningun tipo de conflicto de intereses.

O enorme esforzo que se fixo durante o mandato do goberno de progreso para reducir este punto negro do noso sistema sanitario vese estragado en poucos meses con este novo xeito de gobernar. Porque esta dereita ultraliberal ten o seu propio estilo e os obxectivos ben definidos. Non se trata de mellorar o funcionamento e as prestacións dos servizos públicos. Non se trata de garantir unha boa atención á saúde de poboación desde os centros públicos, senon máis ben de ir creando un escenario que faga posible, a medio e longo prazo, a xeneración de espazos de beneficio particular a expensas dos orzamentos públicos. Nesa liña van algunhas das políticas que agora se vislumbran: incremento da concertación co sector privado, construcción dos novos hospitais con participación de financiamento privado e o proxecto de creación de xerencias únicas nas áreas sanitarias, que pode rematar coa morte da Atención Primaria.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES