Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os negocios na sanidade galega

miércoles, 19 de septiembre de 2012
Os actuais gobernantes de Galicia non cren nos servizos públicos. O seu ideario ultraliberal lévaos a afirmar que a xestión privada é mellor. Mais no terreo sanitario hai razóns dabondo para afirmar o contrario. A experiencia das Fundacións Sanitarias, impulsada en Galicia por Romay e o seu equipo (Núñez Feijóo, Enrique Castellón) foi un fracaso. O grave endeudamento das mesmas e o descontento xeralizado da poboación e dos profesionais levou ao goberno de Pérez Touriño a integralas na rede do Sergas. A privatización dos hospitais en Valencia e Madrid provocou un severo deterioro da calidade asistencial e un importante incremento do déficit económico destas comunidades. O resultado de todas estas experiencias é de dominio público e ninguén pode alegar descoñecemento das mesmas.

Mais, a pesar de todas as evidencias, o presidente da Xunta insiste na súa intención de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro do sistema sanitario. Porque o que realmente buscan non é mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos; o que persiguen é xerar espazos de negocio privado a expensas dos orzamentos. Desde que o Partido Popular tomou o poder na Xunta de Galicia xa se deron moitos pasos nesta dirección. No terreo sanitario os exemplos son numerosos.

-A central de chamadas. Conseguir unha cita para o médico de familia era ben doado: as chamadas telefónicas eran atendidas polo persoal de recepción dos Centros de Saúde. Agora existe un servizo automatizado que require dar correctamente once pasos sucesivos para obter a citación. O resultado xa sabemos cal é: catro de cada dez chamadas non consiguen finalizar o proceso. No medio rural volvemos a ver unha estampa do pasado: as persoas maiores agardando, pola mañán cedo, ás portas do Centro de Saúde. O que debería ser unha mellora convírtese nun atranco para o acceso á atención sanitaria. Este servizo foi adxudicado a unha empresa leonesa, Telemark Spain SL, que non ten ningún empregado en Galicia. A maior parte dos seus traballadores concéntrase en Latinoamérica.

-O centro loxístico, de almacenamento e suministro vai distribuir material aos centros sanitarios de toda Galicia. Esta tarefa viña sendo realizado nas áreas sanitarias por persoal propio do Sergas, coa máxima eficiencia e sen que houbese ningun problema. Agora esta actividade pasa a mans privadas cun custe de perto de 100 millóns de euros e facilítanlle a unha empresa o control do suministro e o manexo dunha información de enorme interese estratéxico empresarial. Perto de Negreira ergueron, nun tempo record, unha enorme nave na que van centralizar este servizo. A empresa concesionaria é Severiano Gestión SL que, casualmente, xestionaba no ano 2004 o arquivo de historias clínicas dos pacientes do Hospital de Pontevedra, onde se producíu un incencio que deixou ao hospital sen documentación clínica. Tamén xestionaba en 2005 unha nave que almacenaba material da Consellería de Educación valenciana e que tamén ardeu. No informe policial sinalábase a posibilidade de que o lume fose intencionado. Agora que as historias clínicas están informatizadas a actual administración concédelle a esta empresa a xestión dun servizo que era realizado de maneira perfecta por persoal propio e sen custe engadido.

-A privatización do servizo de diálise do hospital de Barbanza. A Consellería de Sanidade pretendeu privatizar este servizo, mais a intensa movilización impulsada pola Plataforma en defensa da sanidade pública desta comarca consigueu frear, polo momento, este proceso. A pretensión da Consellería é transferir o servizo de diálise á Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo (FRIAT), entidade privada que xestiona diversos centros de diálise en toda España (tres na provincia de Ourense). Son patronos desta fundación José Manuel Romay Beccaría (actual presidente do Consejo de Estado) e Enrique Castellón (compañeiro de viaxe de Núñez Feijóo, pois ambos ocuparon altos cargos na Consellería de Sanidade e no Ministerio co citado Romay). Castellón tamén é o promotor dunha sociedade de capital risco (Cross Road Biotech), dedicada á investigación en biomedicina, que conta cunha aportación importante (o 50 por cento) de diñeiro público. Este proxecto foi presentado en A Coruña o pasado mes de xullo, contando coa presenza do presidente da Xunta.

-O hospital privado Povisa. Todos os hospitais privados de Galicia teñen concertos co Sergas, que ven ser o seu principal cliente. Mais a relación do hospital Povisa coa sanidade pública é especial. Desde os anos 80 da cobertura asistencial a uns 140.000 habitantes da cidade de Vigo e da península do Morrazo, sendo o hospital de referencia para esta poboación a todos os efectos, como se fose un hospital público. Por esta actividade ingresa unha cantidade elevada, establecida no seu concerto particular. Este acordo privilexiado permiteulle ao hospital realizar un crecemento espectacular en novos espazos, servizos e renovación tecnolóxica. Sen embargo, o ratio de traballadores por cama está moi lonxe dos hospitais do Sergas, e as enormes listas de espera que provoca constinúen un problema crónico, que sofre a poboación adscrita. Os defensores da sanidade pública levan anos reclamando a suspensión deste concerto con Povisa, e realizaron numerosas denuncias sobre os déficits na atención deste hospital.

O concerto particular que vincula este hospital co Sergas está a ser negociado nos últimos meses. Os seus propietarios e xestores teñen a extraordinaria fortuna de ver no outro lado da mesa a Rocío Mosquera, que foi xerente do sanatorio La Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa) durante moitos anos. Hai un evidente conflito de intereses que debería impedir a esta persoa participar nesta negociación.

-A renovación tecnolóxica. A Consellería de Sanidade deixa comprometidos 200 millóns de euros para realizar, con xestión privada, a renovación da alta tecnoloxía dos hospitais do Sergas; esta decisión foi moi cuestionada pola oposición e polas organizacións que defenden a sanidade pública. Tamén poderíamos falar da cesión á empresa Indra Sistemas (que realiza numerosos traballos para a Xunta de Galicia) da xestión das tecnoloxías da información do Sergas, incluindo a receita electrónica e o programa Ianus.

Con todo isto non facemos máis que unha breve aproximación aos espazos de negocio que os actuais gobernantes estiveron a crear darredor dos orzamentos sanitarios. Mais o principal negocio previsto polo goberno de Núñez Feijóo é o novo hospital de Vigo. Diso falaremos nunha próxima entrega.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES