Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Em cada rosto, igualdade

miércoles, 06 de marzo de 2013
Tendo celebrado o ano pasado o 40 aniversario do estreo mundial de Grândola en Compostela e os 25 anos do pasamento de José Afonso, un non contaba volver recuncar neste tema por aquilo de non aburrir aos lectores deste medio, que teño en boa estima. Mais a realidade obriga na medida en que se veñen producindo unha marea de feitos (tanto en España como en Portugal) que levan como bandeira a cantiga dos Caraveis.

Case 41 anos despois, Grândola volve a ser un fenómeno social; Grândola non é unha cantiga pasaxeira, efémera, non é unha canción do verán! Grândola nunca se canta porque si nin inconscientemente. Quen canta Grândola sabe porqué o fai e o que quere cambiar da súa realidade. Sabe que é unha canción colectiva que significa un “punto e final” e a primeira ringleira da nova historia dun país, presidida pola liberdade. Grândola cántase en conciencia e en consciencia.

O 25 de Abril de 1974 o pobo portugués conseguiu a liberdade política. Anos despois, tras unha transición, o pobo español fixo o propio; mais en ambos casos ficou unha sensación latente de que a consecución da liberdade política (cun sistema democrático de libre elección) non trouxo consigo o establecemento dun sistema social xusto, capaz de garantir a igualdade no acceso aos recursos esenciais para facer a vida. Isto deixouno ben dito José Afonso con dúas sentenzas no tramo final da súa vida; a primeira prodúcese cando xa avanzara a súa enfermidade, a mediados dos 80, confesa: “a min o único que me pode curar é outro 25 de abril”; a segunda, máis tráxica, afirma: “resistín os golpes dunha ditadura, mais non os da democracia burguesa”.

Estas verbas persoais empezan a trocarse pouco a pouco en colectivas, tanto en Portugal como en España. Así Grândola soa na manifestación do 25 de setembro no Congreso dos Deputados en Madrid, na folga xeral do 14 de novembro, na manifestación do 13 de xaneiro en Madrid pola Sanidade Pública, na mesma Porta do Sol o 16 de febreiro, o 23 en Ourense e o 26 no Pazo do Hórreo.

Paralelamente en Portugal irrompe nos discursos do ministro da Asuntos Parlamentares Miguel Relvas (en Vila Nova de Gaia), no de Passos Coelho ante o parlamento, en dúas manifestacións no Carmo e no Chiado e no Terreiro do Paço.

Segundo a información recollida no Youtube, a cantiga soa, dende setembro, 6 veces en España (3 delas en Madrid) e 5 en Portugal. 11 veces en 5 meses e medio entre os que non se conta abril; pode ser unha casualidade illada, pero Grândola volve a ser cantada en colectivo e en momentos de gran transcendencia política e social; facéndoo incluso no mesmo centro da Península Ibérica, onde a súa influencia histórica foi evidentemente moito menor que no país luso ou en Galicia, onde soa por primeira vez o 10 de maio de 1972.

Quen canta Grândola, como xa se dixo, sabe o que canta e porqué o canta, por iso o fai na máis clara consciencia...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES