Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ser da casa

miércoles, 04 de septiembre de 2013
Lendo de novo o libro “Portomarín, camiños de auga e soño”, que xa comentamos aquí semanas atrás; detéñome no artigo de Eloy Rodríguez (ao que tamén fixera referencia), para facer unha pequena reflexión sobre os significado de “ser da casa”.

Para min pertencer a unha casa é un xeito de identidade que transcende o propio apelido para darnos un ser propio e inconfundible. Ser da casa é pertencer a unha estirpe arraigada nun pobo que viaxa con ela pola historia.

É ter unha veciñanza e lembrar a relación coa mesma a través do que nos transmitiron os nosos avós, os nosos pais. Cando se está na casa coa xente que medrou con nós, que foi con nós á escola, que xogou con nós en cada camiño e en cada leira; sentimos a ledicia de ser, sentimos que a forza do río que nos leva polo tempo non impide que a memoria lle sorría á nosa infancia gozando de cada reencontro.

Nunca un apelido dirá de nós tanto como di o nome da nosa casa (a non ser que o nome da casa cadre co apelido) ou o sobrenome polo que nos coñece a veciñanza. Isto significa que o rural ten unha identidade propia, formada pola identidade persoal de cada veciño; por iso é fundamental o que fixo Eloy Rodríguez no seu artigo, recoller cada nome, cada casa e cada negocio do Portomarín anegado, só así podemos saber quen somos e non teño dúbida de que todos necesitamos construírnos a partir dun pasado que nos explique os porqués do presente.

Ser dunha casa é lembrar e compartir cada soño vivido, é ter recordos persoais e colectivos, e gardar na memoria aqueles veciños que polas súas peculiaridades fixeron rir, soñar, cantar ou sufrir ao pobo. Paréceme fundamental preservar a identidade da casa porque nela debúxanse a historia persoal de cadaquén, e a historia dun pobo xamais se comprenderá sen estas intrahistorias que a compoñen.

Para moitos eu son Iago Santalla, pero cando atopo alguén que me recoñece como Iago de Pedro Antonio e por ese nome me chama e me pregunta pola vida non me cabe dúbida: estou na casa.

Disto sabe moito o compañeiro na escrita Xulio Xiz, que ten feito lembranzas marabillosas do seus conveciños vilalbeses. Ser da casa é facer a vida medrando nunha identidade cun ADN social inconfundible que nos levará pola historia do noso pobo ata ser o máis doce recordo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES